Vitae organiza este outono a 18 edición do seu curso de avaliación de perfís TI

martes, 27 de setembro do 2022 S. P.

Levar a excelencia profesional e a capacitación tecnolóxica avanzada a todas as empresas TIC (e non TIC) do ámbito galego e estatal é un dos grandes obxectivos de Vitae Consultores, un obxectivo que se reforza cada pouco e que neste outono terá máis vixencia ca nunca, en boa medida polos desafíos que a situación mundial nos pon no camiño. Esta é tamén a finalidade do Curso Avaliación e Sección Avanzada de Perfís TI, que chega este outono á súa 18 edición.
Será unha nova oportunidade para mellorar o día a día dos responsábeis dos equipos humanos nas empresas tecnolóxicas e, tamén, das persoas encargadas dos departamentos de RR HH. Terá 15 horas de duración e celebrarase a través do formato de aula virtual os días 24, 26, 27 de outubro e os días 2 e 3 de novembro.
Segundo informa a consultora galega a respecto dos porqués desta demandada actividade formativa, que xa vai pola súa dezaoito convocatoria, un dos problemas máis frecuentes cos que se atopan os profesionais de selección e avaliación de equipos humanos reside no baleiro formativo xeneralizado que existe en materia de ferramentas psicolóxicas básicas para avaliar a un profesional. “Isto leva a que todo o modelo de estimación falle, pois falla a base, é dicir, quen avalía non foi formado nin capacitado para tal fin”, explican dende Vitae, engadindo que o primeiro paso para calibrar o perfil dun profesional é o autocoñecemento. En base a isto, “coñecernos a nós mesmos é clave para lograr a meirande obxectividade na avaliación das candidatas e candidatos”.
Neste curso proporcionaranse estas ferramentas para o autocoñecemento profesional e para a avaliación doutros profesionais sexa cal sexa o modelo de avaliación do desempeño que se use. Amais, achegarase aos participantes a metodoloxías e ferramentas coas “que xa se conseguiron porcentaxes de éxito de máis do 90% en materia de selección de perfís TI (Tecnoloxías da Información), incluíndo perfís técnicos, perfís de xefes de proxectos, perfís de desenvolvemento de negocio e perfís de alta dirección”.
O curso virá da man de Marcos Carbonell, profesional con máis de tres décadas de experiencia nos sectores do deporte, as novas tecnoloxías e os recursos humanos. Carbonell é diplomado en Empresariais, máster en Recursos Humanos e posgrao en Marketing e en Organización de Empresas. Dende 2006 é socio director de Vitae Consultores e tense responsabilizado, directa ou indirectamente, de máis de 1.000 procesos de selección cunha taxa de máis dun 90% de éxito.

PUBLICIDADE