Vitae organiza un curso de liderado avanzado que pon o foco na arte de comunicar... e en dar feedback
martes, 23 de setembro do 2025
Este mes de novembro a consultora galega Vitae, referente na formación tecnolóxica avanzada para empresas e profesionais TIC, vai organizar un novo curso en liña dirixido a fortalecer a nosa capacidade para dirixir equipos de desenvolvemento. Trátase do curso Liderado Avanzado: A arte de Comunicar e dar Feedback, de nove horas de duración, que se vai levar o cabo os días 4, 11 e 18 de novembro.
Achegaranse claves para converternos en líderes efectivos, “unha tarefa crítica se queremos ter aos nosos equipos cunha cohesión, unha motivación e un compromiso elevado que nos axude a conseguir os resultados dunha maneira máis eficiente”, sinalan dende Vitae, engadindo que este programa céntrase en dúas competencias fundamentais para os líderes: a comunicación e o feedback.
Vitae engade que “os estudos recentes sobre esta cuestión revelan que estas habilidades actúan como os cimentos sobre os que se constrúe o liderado” e que “a comunicación efectiva funciona como o sistema nervioso de calquera organización, mentres que o feedback de calidade opera como o mecanismo que permite o crecemento continuo”. A consultora tecnolóxica revela tamén que o traballo de investigación primordial sobre o que se sustenta este curso, levado a cabo sobre máis de 30.000 líderes, revelou que quen domina estas dúas habilidades específicas teñen 5 veces máis probabilidades de ser percibidos como líderes excepcionais polos seus equipos.
Obxectivos
-
Dominar elementos de comunicación para liderar con efectividade.
-
Dar forma a sistemas de feedback construtivos e continuos.
-
Construír relacións de confianza.
Este curso está especificamente deseñado para aquelas persoas con equipos (supervisoras, team leaders, managers) e que se atopan nesa posición estratéxica en que son presionados dende arriba por obxectivos de organización e dende abaixo polas necesidades dos seus equipos.
O curso levarase a cabo en formato de aula virtual con clases en directo e acceso ás sesións gravadas para a súa consulta.
As persoas formadoras serán:
-
Ramona Vicente: Licenciada en Dereito pola Universidade Autónoma de Barcelona. É socia de Instituto de Liderazgo, IDL, Coach e Feedback Giver acreditado polo Center for Creative Leadership e profesora na Universidade Complutense de Madrid, ademais de co-creadora e directora de programas de Certificación de OPP/CPP en español en ferramentas de desenvolvemento MBTI Step I / II e Firo B, recursos de desenvolvemento utilizadas no ámbito empresarial e educación. Especializada, como científica social, na aplicación de metodoloxías de desenvolvemento no ámbito de liderado individual e de equipos cunha experiencia de 20 anos, nacional e internacional, en procesos de liderado e transformación de culturas empresariais. Co-creadora do método #PlanLíder (liderado baseado en evidencias).
-
Pedro Gioya: Licenciado en Ciencias Políticas e Antropoloxía pola Universidade Complutense. Diploma en Psicoloxía Organizativa pola UCM. Pedro é socio fundador de Instituto de Liderazgo, IDL, profesor de Liderazgo na Universidade de Georgetown (Washington D.C), profesor do Master en Xestión dos Servizos de Saúde e Empresas Sanitarias. Univ. Complutense de Madrid, profesor convidado na Universidade do Pacífico (Lima, Perú) e membro do Comité Científico de Desenvolvemento e do Comité Editorial da UCM e Universidade Politécnica. Ten unha ampla experiencia práctica nacional e internacional en consultoría de desenvolvemento e transformación de negocio e culturas empresariais en contornas de incerteza e complexidade. Especialista en desenvolvemento de liderado organizativo e liderado de directivos, no ámbito sanitario, finanzas, consultoría, banca e consumo. Conferenciante, científico social e investigador das últimas tendencias en liderado (MIT.Massachussets Institute of Technology. Leadership Institute). Co-creador do Método#PlanLíder. Colabora habitualmente na prensa escrita e dixital en temas de liderado, negocios e incerteza.
