Vitae organiza un curso sobre as moitas posibilidades intelixentes de Microsoft Copilot para M365
martes, 14 de maio do 2024
Vitae Consultores vai organizar este mes de xuño o curso Dominando Microsoft Copilot para M365, de nove horas de duración. Desenvolverase os días 10, 12 e 13 do devandito mes, en formato de aula virtual con clases en directo. Xirará arredor de Microsoft Copilot, a nova solución de produtividade e colaboración baseada en Intelixencia Artificial para M365.
Segundo informa a consultora galega, neste curso veranse de maneira xeral as posibilidades de Copilot para M365 e noutros produtos do ecosistema de Microsoft. Veranse as diferentes opcións de licenzas de contratación de Copilot e os seus custos correspondentes e farase fincapé, por exemplo, no que brinda Copilot en Teams para realizar reunións máis eficientes, organizar puntos de discusión e resumir accións clave para que todo o grupo saiba o que facer a continuación da reunión. Amais, botarase luz sobre o potencial de Copilot en Outlook (creación de borradores de correos electrónicos, resumo de conversas, etc) e veranse tamén as funcionalidades da confluencia entre Copilot e Word (escribindo, editando, resumindo, aconsellando e creando en colaboración co usuario). Igualmente, mostrarase a interacción entre Copilot e Excel (con vistas a axudarnos a analizar e explorar os datos de forma que poidamos tomar as mellores decisións, obter axuda para identificar tendencias, propoñer escenarios hipotéticos e acadar suxestións para mellorar o noso negocio) e entre Copilot en PowerPoint (convertendo documentos de Word existentes en presentacións, creando novas presentacións a partir de esquemas ou indicacións simples e atopando os mellores lugares para incluír imaxes impactantes).
Segundo explica Vitae, este curso está deseñado para “ver dunha maneira xeral Microsoft Copilot IA, e así poder ter unha idea acertada das posibilidades actuais desta ferramenta baseada en IA e a súa utilidade real”.
Obxectivos concretos
· Alcanzar un coñecemento xeral en Copilot, mellorando a eficiencia no traballo coa suite Office en particular e o resto dos programas M365 en xeral.
· Integrar Copilot para optimizar a administración de proxectos e promover colaboración entre equipos.
· Desenvolver habilidades en Intelixencia Artificial para destacar traballando coas máis novas ferramentas tecnolóxicas.
· Obter un coñecemento xeral de Copilot para axudar á hora de comezar a traballar con el e contratar ou non a licenza máis idónea para cada asistente.
· Aprender a desenvolver os nosos Copilots personalizados utilizando a ferramenta Copilot Studio.
As persoas encargadas de impartir os contidos serán Yolanda Cuesta Altieri e Christian Fernández.
Yolanda é licenciada en Administración e Dirección de Empresas pola Universidade de Valladolid, con especialización en Dirección Comercial, amais de certificada en Aptitude Pedagóxica, C.A.P. Especialidade: Economía. Máster de Dirección e Xestión de Actividades Turísticas pola UNED, Yolanda desenvolveu a súa carreira profesional como economista en compañías privadas acumulando máis de 20 anos de experiencia en postos de responsabilidade no departamento financeiro de varias empresas. Actualmente traballa en Creativity Spark, empresa consultora de tecnoloxía como junior developer coas ferramentas Microsoft PowerPlatform. Ademais, imparte formación tanto presencial como en liña sobre Excel, Power BI, Power Apps, contabilidade e fiscalidade desde hai varios anos.
Christian Fernández, pola súa banda, é arquitecto de solucións con experiencia de máis de 20 anos en sectores como Fabricación de Aeronaves, Financeiro, Protección Ambiental, Químico e Medios. Durante estes anos desempeñou diferentes roles pero principalmente deseñando e entregando sistemas baseados na plataforma Microsoft. Ultimamente especializouse en Power Platform e colabora con clientes para aproveitar ao máximo as súas implementacións. Recentemente recibiu o recoñecemento Microsoft MVP polas súas contribucións á comunidade, onde escribe habitualmente no seu blog e participa como presentador en varios eventos en España e Europa.