Vitae organiza un novo curso para manexarnos na ciencia dos datos

xoves, 7 de marzo do 2019 Fernando Sarasketa

Nesta recta de final de inverno e xa cun pé na primavera, coma en calquera época do ano, é importante que saibamos o que facer coa información a todos os niveis. Se isto é relevante para o internauta de a pé, sobre todo se quere ter sempre metodoloxías que lle axuden a separar o miolo da palla (e tamén a clasificar, ordenar, xestionar), tamén o é para as empresas, especialmente para as que manexan grandes cantidades de coñecemento. Neste punto, é importante lembra que hai unha cousa que se chama ciencia de datos. Ou sexa, recursos que nos boten unha man poñendo orde nun punto que sempre muda, medra e se renova: a información. Deste eido de investigación é do trata o Curso Ciencia de Datos con Excel, Power Bi e R, que organiza Vitae Consultores os días 5, 6, 12 e 13 de abril. A actividade formativa, que vai pola súa quinta edición, celebrarase en Vigo e terá 20 horas de duración.
O obradoiro, informa Vitae, servirá de apoio aos nosos profesionais para mellorar o seu quefacer diario cos datos, o seu labor de análise e investigación e, tamén, a práctica de tomar decisións e extraer conclusións de valor.
Máis polo miúdo, o curso preséntase como un xeito de prepararnos ante o que está por vir: un estado de cousas no que nada medrará tanto e en tan pouco tempo como o coñecemento e os acubillos que a recollen e a transportan. Así, o curso subministrará aos asistentes formación en conceptos e recursos como os usos e vantaxes dos histogramas, os gráficos de Pareto, os boxplots ou o Teorema de Bayes (que, na teoría da relatividade, emprégase decote para revisar probabilidades previamente calculadas cando se posúe nova información).
Segundo Vitae, ao finalizar a actividade formativa de estatística aplicada os asistentes contarán con novos e cruciais coñecementos e habilidades no eido da ciencia dos datos. Cales son as principais vantaxes disto? Pois, en palabras da consultora, os profesionais estarán en disposición de tomar as mellores decisións, por estar máis e mellor informados, e contarán cunha “sólida experiencia en estatística e probabilidade básica, o que axudará a unha mellor comprensión dos datos”.
Os obxectivos concretos do curso son: achegar formación avanzada en estatística (estatística descritiva, probabilidade básica, variábeis aleatorias, probas e intervalos de confianza, probas de hipóteses), visualización de datos con Excel e Power BI, coñecemento da ferramenta libre R para a análise de datos e visualización.
O profesional que impartirá o obradoiro será novamente Antonio Soto Rodríguez, enxeñeiro en Informática de Sistemas pola Universidade da Coruña e profesional con máis de dúas décadas de experiencia como consultor técnico experto e certificado, achegando formación na Universidade Microsoft e a empresas e organismos como a NASA, NASDAQ, PEMEX, SERGAS, Citroen, CEAGA, Inditex, Ferroplast, Banco Popular, ABANCA, Xunta de Galicia ou Abertis.

PUBLICIDADE