Vitae pon ao noso alcance unha nova edición (a 24) do seu histórico curso sobre xestión de proxectos con PMI 6

martes, 25 de abril do 2023 S. P.

As empresas precisan transformación e precisan profesionais que sexan quen de impulsala, asegurala, consolidala e tirarlle rendemento. Un bo xeito de asegurar a transformación é apostar firme pola formación constante, actualizada e innovadora. Neste punto sitúase Vitae Consultores, que nos ofrece esta primavera-verán a edición 24 dun histórico curso: o curso Dirección e Xestión de Proxectos baixo a metodoloxía PMI 6. Desenvolverase os días 29, 30 e 31 de maio, e os días 1, 5, 6, 8, 12, 13, 15, 19 e 20 de xuño. Serán novamente 35 horas de formación avanzada e innovadora, a través do acostumado formato de aula virtual de Vitae. O curso é válido para o exame de certificación PMP do PMI.
Será unha boa oportunidade para dominar as que serían, segundo explica Vitae, algunhas das principais habilitades que van ligadas á transformación tecnolóxica: simplificar procesos e convertelos en rendíbeis e eficientes, sacar o máximo rendemento dos nosos equipos profesionais, optimizar ao máximo a comunicación cos profesionais da nosa empresa e cos nosos clientes, clarificar e definir obxectivos e sermos quen de adiantarnos ás necesidades dos clientes.
O miolo da actividade formativa, como se indica no seu nome, é a metodoloxía de xestión PMI.
Segundo nos conta Vitae acerca da orixe desta actividade formativa, trátase de achegar respostas útiles ás complexidades inherentes (e ás condicións desfavorábeis) á posta en marcha de calquera proxecto TIC que esteamos a piques de abordar.
Vitae engade que “a certificación PMP acredita a persoas e xera impactos directos de valor nas organizacións”, xa que a dirección eficaz e eficiente de proxectos debe considerase como unha competencia estratéxica das empresas, que lles permite competir de maneira máis rendíbel e áxil nos seus mercados, sustentar á organización e responder ás consecuencias dos cambios na contorna de negocio, “axudando a cumprir os obxectos dos proxectos, a ser máis predicíbeis, a optimizar o emprego de recursos da organización e, en xeral, a actuar de maneira proactiva e non reactiva”.
Para quen non o saiba, a PMI (Project Management Institute) é a organización máis recoñecida a nivel internacional na disciplina da dirección de proxectos. Está integrada por máis de 600.000 profesionais de todo o mundo, expertos na xestión de iniciativas, con independencia do tamaño e complexidade das mesmas, en múltiples sectores industriais. Vitae recorda que “as boas prácticas aplicadas e postas en marcha polo PMI son coñecidas, recoñecidas e avaladas por milleiros de profesionais ao longo dunha chea de anos en miles de traballos de todos os ámbitos”.
En termos máis concretos, o PMI acredita aos profesionais na dirección de proxectos co certificado PMP (Project Management Professional), o cal goza dun alto recoñecemento, identificando a quen o posúe como profesional altamente cualificado e demandando, na medida en que aporta un coñecemento moi detallado para a dirección de iniciativas, anticipando problemas, xestionando proactivamente a incerteza e aumentado as probabilidades de éxito nos proxectos.
A persoa encargada de impartir os contidos será Javier Rosa, enxeñeiro industrial pola Universidade Carlos III de Madrid. A día de hoxe é director de Servizos e director técnico en Media Markt, e dirixe unha empresa de consultoría especializada en dirección de proxectos, implantación de sistemas de xestións por procesos, outsourcing e formación.

PUBLICIDADE