Vitae prepáranos en decembro para obter a prestixiosa acreditación PMP
martes, 12 de novembro do 2019
Fóra
dos ámbitos profesionais TIC, as siglas PMP non son aínda grandes
coñecidas, pero no sector de proxectos dixitais a súa presenza é
constante e presentan unha serie de retos relevantes para o colectivo
desenvolvedor: van directamente relacionadas coa procura de novos e
mellores xeitos de traballar. Para quen non o saiba, son as siglas de
Project Management Professional (Profesional en Dirección de
Proxectos), acreditación emitida polo PMI (Project Management
Institute - Instituto da Xestión de Proxectos). Entre
as empresas estatais que nos axudan a obter a acreditación atópase
a galega Vitae Consultores, que volve organizar estes días a segunda
edición do seu curso de preparación para o exame de obtención do
PMI.
En
palabras de Vitae, “a certificación PMP acredita a persoas e xera
impactos directos de valor nas organizacións”, xa que a dirección
eficaz e eficiente de proxectos é “unha competencia estratéxica
das empresas, ao permitirlles competir de maneira máis rendíbel e
áxil nos seus mercados”. Amais, capacita ás empresas para un
mellor sustento da organización e para responder ás consecuencias
dos cambios na contorna de negocio, “axudando a cumprir os obxectos
dos proxectos, a ser máis predicíbeis, a optimizar o emprego de
recursos da organización e, en xeral, a actuar de maneira proactiva
e non reactiva”.
A
actividade formativa en cuestión é unha resposta directa a dous
casos concretos nos que nos podemos atopar como profesionais
tecnolóxicos: o caso de que logo de asistir a un curso de
preparación PMP iniciemos o camiño para presentarnos nun exame en
datas vindeiras, co cal teremos ocasión de experimentar como sería
esta proba e cales son os nosos coñecementos para superala, e o caso
de contarmos con formación en PMP e queiramos participar nun
simulacro de exame para probar o noso coñecemento.
O
curso, de 10 horas, celebrarase desta volta en Vigo (Centro Social
Afundación da rúa Policarpo Sanz, números 24 e 25) os días 2 e 3
de decembro.
A
través desta experiencia formativa porase ao alcance dos
participantes a preparación precisa para desenvolveren con éxito un
simulacro de exame PMP que lles permita acudir a unha proba real coa
máis óptima capacitación. O curso, ao fío do devandito, incluirá
un exame de 200 preguntas a xeito de proba de adestramento.
Os
obxectivos son os seguintes: simular as condicións en que nos
atoparemos no exame real, poñendo o foco nas catro horas de
concentración e rendemento que se esixen; comprobar o nivel de
coñecemento que posuímos nos ditos eidos; identificar as áreas que
requiren un repaso adicional pola nosa parte; adquirir os últimos
trucos e recomendacións para presentarnos á proba real coa mellor
preparación; axudar a enfocar o proceso de estudo cara o exame real;
aclarar calquera tipo de dúbida relacionada co contido do PMBOK
sexta edición e o proceso de solicitude de exame.
A
persoa encargada de impartir os contidos será Isaac Olalla Del Real,
licenciado en Dereito (Universidade Complutense de Madrid) amais de
ser un profesional certificado co PMP e co PMI-RMP por parte do
Project Management Institute. Trátase dun experto en xestión de
iniciativas innovadoras, con máis de 15 anos de experiencia neste
ámbito e preto dunha década como formador, impartindo cursos de
xestión baseada na metodoloxía PMI. Polas súas actividades de
adestramento xa pasaron máis de dous milleiros de persoas,
formándose en xestión dunha PMO, en xestión de riscos e en xestión
avanzada de proxectos. Ten traballado para Telefónica, Vodafone,
Deloitte, IECISA, BT, a DXT, Bankinter, FedEx, o Ministerio de
Industria, Votorantim, OHL ou a Xunta de Galicia.