Vitae prepáranos para tirar o máximo proveito da plataforma Power de Microsoft

xoves, 3 de novembro do 2022 S. P.

A consultora galega Vitae, especializada en facernos acadar a máis alta excelencia profesional en materia tecnolóxica e no desenvolvemento de proxectos avanzados e disruptivos, organiza esta tempada, en formato de aula virtual, o curso Microsoft Power Automate. Trátase dunha actividade formativa de 15 horas de duración, centrada nas posibilidades da dita plataforma Power, “unha plataforma de código baixo única que abrangue tanto a Office 265, Dynamics 365 e Azure como aplicacións de tipo independente”. Desenvolverase os días 15, 16, 17, 22, 23 e 24 de novembro.
“Ao longo deste curso”, explica Vitae, “imos profundar en Power Automate, que é o servizo de Microsoft que permite a automatización para todos e serve como un compoñente crucial da Power Platform”.
Power Automate está deseñado para facilitar o seu emprego a usuarios empresariais ou departamentais, a crecente comunidade de desenvolvedores cidadáns do mundo, pero tamén ofrece a funcionalidade necesaria para desenvolvedores experimentados. O servizo Power Automate, prosegue Vitae, tamén está concibido para admitir as necesidades dos equipos e administradores de TI modernos, dende automatizar funcións de Tecnoloxías da Información cotiás até proporcionar seguridade, cumprimento e control sobre o uso e execución de Power Automate en todo o ecosistema TI.
Power Automate pódese empregar para realizar tarefas sinxelas, como a entrega programada de correos electrónicos, ou para integrarase sen problemas con aplicacións empresariais, e tamén para mellorar e automatizar procesos que son complexas e pesadas para os administradores de TI.
Vantaxes para todos os usuarios
-Os usuarios finais, que entenden o negocio e manéxano acotío atoparán en Power Automate unha ferramenta sinxela que lles permitirá resolver os seus propios problemas.
-Os desenvolvedores profesionais beneficiaranse de Power Automate e as súas capacidades de empregar código para desbloquear requisitos complexos, pero tamén das características simplificadas para reducir o tempo para dar forma e aplicar solucións.
-Os profesionais TI automatizarán as funcións tecnolóxicas cotiás ou triviais e aproveitarán as características de seguridade e compliance, o que lles axudará a garantir a gobernanza das organizacións.
-Conexión con servizos dentro e fóra de Microsoft.
-Power Automate non só forma parte do robusto ecosistema de Microsoft senón que con el poderemos aproveitar unha gran variedade de socios certificados da empresa de Windows.
O formador encargado de impartir estes contidos será David Bodero, consultor en tecnoloxía e desenvolvedor informático, con sete anos en postos de responsabilidade como xestor empresarial. Ten experiencia internacional de tres anos e de cinco na supervisión e dirección de equipos multiculturais de até 30 persoas. É un adestrador experimentado en contornas presenciais e telepresenciais, conta con máis de 1.500 horas impartidas, sobre todo en cursos relacionados con ferramentas de produtividade (Microsoft Office), sistemas e programación. Entre as empresas que formou ou asesorou atópanse ASIME, La Voz de Galicia, PSA Citroen, Plexus, Softek, Vector ou CLUN.

PUBLICIDADE