Vitae volve brindar o seu apoio ao gran evento tecnolóxico da tempada: PulpoCon
luns, 8 de setembro do 2025
Vitae Consultores vén de confirmar, “con gran ilusión e convencemento”, o seu apoio, un ano máis, a un dos grandes eventos tecnolóxicos da tempada en Galicia e en España: o congreso PulpoCon edición 2025. En concreto, a consultora tecnolóxica galega será a patrocinadora de ouro da cita, á que cualifica do evento máis referencial e importante de Galicia en materia de desenvolvemento e arquitectura de software, “e posiblemente un dos máis importantes de España”.
Este ano ademais de temas de Intelixencia Artificial en desenvolvemento de software falarase de liderado e xestión de equipos de software, unha cuestión moi necesaria ademais da base técnica, pois sempre hai unha base humana antes que a técnica.
“En Vitae Consultores non nolo imos perder e agradecemos sinceramente a dous grandes profesionais e ambos os formadores de Vitae Consultores como Rolando Caldas Sánchez e Fran Iglesias Gómez que fan posible este gran evento TIC e só con capital privado o que ten moito máis mérito e é un indicador da calidade do evento”.
A cita será en Vigo o 18, 19 e 20 de setembro de 2025, no auditorio da sede de Afundación en Vigo (24-26 da rúa Policarpo Sanz) co cancelo #pulpoCon25.
