Vodafone Business crea un hub para alentar a recuperación postCOVID das pemes

martes, 7 de xullo do 2020 S. P.

Vodafone Business lanzou este 7 de xullo en España (e máis no Reino Unido, Francia e Italia) un novo espazo de traballo para avivar a recuperación empresarial das pequenas e medianas empresas neste contexto postCOVID no que estamos mergullados. Trátase da iniciativa V-Hub, un servizo orientado ás pemes que lles ofrecerá guías detalladas sobre a transformación tecnolóxica e como estar preparadas para afrontala e para tirarlle o máximo partido. Abranguerá temas como a creación de sitios web, a mercadotecnia dixital, o teletraballo ou a ciberseguridade.
En V-Hub, explica Vodafone, os clientes terán acceso a guías online, vídeos e webinars, así como a un servizo telefónico e de chat que permitirá ás empresas poñerse en contacto directo con expertos que poidan resolver consultas específicas. Este servizo telefónico está dispoñíbel xa a través do 900 922 990, mentres que o servizo de chat entrará en funcionamento nos vindeiros días.
A iniciativa tamén será un acubillo de coñecementos e experiencia, unha gran base de datos da que as pemes poderán tirar man para atopar recursos para innovar, competir máis e mellor e aumentar en rendibilidade e en mercados. Os contidos achegados por socios locais e líderes sectoriais adaptaranse a diferentes niveis de comprensión, desde o nivel “principiante” até un coñecemento específico para empresas xa adestradas en servizos dixitais.
Toda a información sobre este novo servizo pode consultarse na web da operadora Vodafone.

PUBLICIDADE