Vodafone TV ofrecerá o fútbol por 6 euros/mes

xoves, 6 de agosto do 2015 Marcus Fernández

A oferta televisiva está a converterse nun dos elementos cruciais para os operadores de telecomunicacións dende que captan clientes con promocións de servizos combinados, cobrando este ano moita importancia por mor da absorción de Canal+ por parte de Movistar, o que desencadeou unha guerra polo fútbol, na que podería haber moitas vítimas por mor das agresivas promocións que están a chegar este mesmo mes.
Por unha banda Movistar optou por tomar unha posición bastante neutral, e dado que é a compañía que xestiona practicamente todos os dereitos, cunha posición de superioridade que podería traerlle problemas cos organismos reguladores da competencia, decidiu ofrecer o fútbol por 25 euros/mes a través de Movistar+; pero as compañías con menores cotas de mercado tiveron que ser máis agresivos, e para poder aproveitar o tirón comercial do deporte rei Orange permite a moitos dos seus clientes contratar o fútbol até o 30 de setembro por só 9,95 euros/mes (fóra de promoción custará 19,95 euros/mes). Cando parecía que os prezos xa estaba polo chan, preséntase a que parece ser a oferta máis rechamante de todas, pois entre o 17 de agosto e o 30 de setembro os clientes de Vodafone TV (dentro de Vodafone One) poderán contratar as canles Abono Fútbol HD, Abono Fútbol 1 HD e beIN SPORTS HD por 6 euros/mes, pasando a custar 16 euros/mes para os que contraten esta oferta máis tarde.
Esta oferta de Vodafone TV incluirá os partidos da Liga BBVA, os partidos da Copa do Rei, os partidos da UEFA Champions League, os partidos da UEFA Europa League, a Premier League inglesa, a Ligue 1 francesa, a Seria A italiana e a Copa Libertadores entre outras competicións, así como programas nacionais e internacionais específicos de fútbol con entrevistas, análises...
Dado que a Liga BBVA bota a andar o 21 de agosto, estamos nunha conta atrás para que todos os operadores presenten a súa oferta comercial para que os seus clientes poida gozar do fútbol dende o primeiro día, e rumoréase que algunha compañía como R e Euskaltel poderían quedar fóra, o que suporía un duro pau para a súa oferta televisa, na que actualmente omiten toda referencia ao fútbol na súa páxina web, o que podería provocar a fuxida de usuarios a outros operadores que agora xa poden competir en condicións case idénticas grazas ao espallamento da fibra óptica dos últimos meses.

PUBLICIDADE