Vodafone acorda a compra de Ono por uns 7.2000 millóns de euros

venres, 14 de marzo do 2014 Marcus Fernández

A semana pasada comentábase que Vodafone tería pechado un acordo preliminar para a compra de Ono, e tras uns días de duras negociacións ante a inminente saída de Ono ao mercado bolsista (no caso de non concretarse a operación) finalmente pechouse o acordo para a compra de Ono por parte dos fondos de capital risco que controlan o accionariado da cableira española, de xeito que venderase o 100% do capital da mesma valorándoo nuns 7.200 millóns de euros (incluíndo unha débeda de 3.400 millóns).
A partir de agora estanse a redactar os contratos de compra-venda que se asinarán nos vindeiros días, estando pendente a operación á autorización dos reguladores, o que demorará a materialización do acordo uns meses (descoñecéndose polo momento se tal decisión corresponderá á CNMC ou á área de Competencia da Comisión Europea, dadas as dimensións da compra). Non se esperan atrancos a este respecto, pois a cota de mercado conxunta de ambos negocios en banda larga fixa e móbil non supón ningunha concentración de negocio alarmante.
Tras a operación Vodafone chegaría a 7 millóns de fogares aos que chegaría a través de varias tecnoloxías, de xeito que segundo a zona podería ofrecer acceso á Rede a través de ADSL, de cable ou de fibra óptica.