Vodafone anuncia que poxará o primeiro SMS e que o recadado irá destinado a ACNUR

martes, 14 de decembro do 2021 S. P.

Vodafone vén de anunciar que está a poxar o primeiro SMS enviando do mundo. Foi transmitido a través da rede Vodafone o 3 de decembro de 1992 e recibido polo empregado de Vodafone Richard Jarvis nunha festa de Nadal. É unha mensaxe de 15 letras: “Bo nadal". O SMS póxase como un Token No Fungible (NFT) nunha venda única organizada por Aguttes Auction House en Francia.
A persoa ou entidade compradora, que poderá pagar coa criptomoeda Ether, obterá a propiedade exclusiva dunha réplica detallada e única do protocolo de comunicación orixinal que transmitiu o primeiro SMS do mundo. A poxa online celebrarase o 21 de decembro de 2021. Vodafone anunciou que o recadado terá unha finalidade solidaria: doará as ganancias da venda á organización ACNUR, a axencia da ONU para os refuxiados. O obxectivo é contribuír a mellorar as condicións das 82,4 millóns de persoas que se viron obrigadas a fuxir dos seus fogares debido ao conflito e a persecución.
Un intre histórico
A operadora lembra que a transmisión do SMS fai case tres décadas e que foi “un momento decisivo na historia da tecnoloxía das comunicacións móbiles”. Porén houbo que agardar uns anos para que estendese este novo formato, hoxe en día tan estendido e presente, por exemplo, na base dos servizos de mensaxes instantáneas, tan populares como Whatsapp ou Telegram. Foi en 1999, de feito, cando finalmente foi posíbel enviar mensaxes de texto a través de múltiples redes, o que acelerou o seu uso e popularidade.

PUBLICIDADE