Vodafone estrea un modem USB HSDPA

luns, 16 de xullo do 2007 Marcus Fernández

Este é o verán da Internet móbil, ou así o queren afirmar as operadoras de telefonía, que afirman ter garantida a cobertura das comunicacións de datos mediante as súas infraestruturas nas zonas costeiras, de xeito que os usuarios que estean de vacacións poderán continuar a empregar a Rede mesmo nas praias.
Atendendo a esta demanda crecente Vodafone presenta un novo modem USB, que non só soporta conectividade 3G, senón que tamén funciona mediatne HSDPA (High Speed Packet Access) que viría a ser o 3,5G, permitindo velocidades de ata 3,6 Mbps de descarga e 1,4 Mbps de subida, o que incluso supera á meirande parte das conexións ADSL que hai na actualidade.
A vantaxe do novo dispositivo USB non é só a impresionante velocidade de acceso que consegue, senón o feito de que sexa autoinstalable, ou sexa, que case calquera usuario pode conectar o seu portátil á Rede con só pinchar o modem no porto USB do seu ordenador portátil para achegar o acceso a Internet ó lugar no que se encontre.

Tarifas de Vodafone para o uso da Internet móbil

A rede de Vodafone estase adaptando paulatinamente para soportar HSDPA, de xeito que xa hai unhas 34 cidades españolas (ningunha galega) con esta tecnoloxía, pero agárdase que chegue ás nosas cidades en breve.
Ademais, o novo modem USB HSDPA soporta máis velocidade da que actualmente utiliza Vodafone, de xeito que non é preciso cambialo cando se melloren as velocidades no futuro.
Nun principio este dispositivo se comercializará para empresas e autónomos cos produtos Conecta Vodafone, estando a operadora británica liderando o sector da Internet móbil en España.

PUBLICIDADE