Vodafone leva a 5G a 1.500 praias este verán
luns, 9 de xuño do 2025
Vodafone España anunciou que vai levar a tecnoloxía móbil 5G a case 1.500 praias este verán, 102 das cales pertencen á Comunidade Autónoma de Galicia. A operadora quixo reforzar deste xeito o seu compromiso coa conectividade para todos ampliando a súa rede 5G a 776 novas praias, alcanzando un total de 1.446 praias conectadas en 10 Comunidades Autónomas: Andalucía, Asturias, Illas Baleares, Comunidade Valenciana, Illas Canarias, Cantabria, Cataluña, Galicia, Murcia e Euskadi.
O obxectivo é “ofrecer aos usuarios unha mellor experiencia de navegación, maiores velocidades de descarga e unha conectividade máis fiable nos seus destinos vacacionais”.
Andalucía destaca como a rexión con maior número de novas praias incorporadas á rede, con 195 novos puntos de cobertura 5G. Pola súa banda, Cataluña consolídase como a comunidade con maior despregue 5G na costa, conectando un total de 319 praias.
A distribución total da cobertura 5G en praias por comunidades autónomas é a seguinte:
Andalucía: 278 praias en total
Asturias: 101 praias
Baleares: 93 praias
Comunidade Valenciana: 220 praias
Canarias: 166 praias
Cantabria: 38 praias
Cataluña: 319 praias
Galicia: 102 praias
Murcia: 106 praias
Euskadi: 29 praias
A rede 5G de Vodafone España rexistrou a semana do 12 de agosto de 2024 un incremento no tráfico de datos do 28% comparado coa mesma semana do ano anterior. Ademais, a rede móbil (5G,4G,2G) rexistrou un pico no tráfico de datos que supero os 50.000 terabytes, un 2% máis que en 2023, no que é un dos momentos con máis tráfico do ano. Desta forma, o tráfico de datos multiplicouse por 3 en zonas costeiras, especialmente en Alacante, Tarragona, Valencia, Xirona, Málaga, Castelló e Cádiz, e multiplicouse por 4 en zonas do interior, en concreto, nas provincias de Zamora, Teruel, Cuenca e Ávila.
As aplicacións máis utilizadas polos clientes durante o pasado verán foron: Instagram (15%), TikTok (11,2%), Facebook (8,8%), e Youtube (8,5%), recortando distancia TikTok respecto a Instagram.
