Vodafone medra un 2% en materia de ingresos por servizo

xoves, 1 de febreiro do 2018 Redacción

Vodafone anunciou hoxe os resultados financeiros do terceiro trimestre do seu ano fiscal (que, como lembraremos, vai do 1 de outubro ao 31 de decembro de 2017) en España. Entre os datos máis salientábeis da batería de números figuran, como eran de agardar, os relativos ao crecemento e aos ingresos. Segundo se fai saber no informe, no devandito período os ingresos por servizo acadaron os 1.144 millóns de euros, un 2% máis ca no mesmo período do ano pasado.
Os ingresos totais ascenderon a 1.257 millóns de euros no trimestre, un 0,3% máis ca un ano antes. Sobre as razóns para esta tendencia á alza, Vodafone esgrime que se debe a unha razón lóxica e visíbel, o aumento da carteira de clientes, e tamén ao lanzamento de novos plans de prezos a principios de ano.
Por outra banda, o crecemento viuse fortalecido cos esforzos en materia de innovación (diversificación da rede, Internet das Coustas, posta en marcha de novos modelos de atención personalizada) e de converxencia (meirande alcance da oferta de fibra, nova velocidade de banda larga fixa ultrarrápida até 1 Gbps simétrico, rápida evolución de Vodafone TV, etc). Este avance reflíctese no crecemento nun 13,1%, no último trimestre, dos ingresos por servizos converxentes no segmento residencial. Ademais, a carteira de clientes de Vodafone One pechou o trimestre con 45.000 máis que tres meses antes e 369.000 máis que hai un ano, até superar os 2,5 millóns ao peche de decembro.
Igualmente, a base de clientes de contrato de telefonía móbil de Vodafone España aumentou en 30.000 no devandito trimestre, acadando os 11,6 millóns, 220.000 máis que un ano antes. Doutra banda, a carteira total de usuarios de telefonía móbil achegouse aos 14,4 millóns a final do trimestre.
A maiores, o volume de datos facturábeis na rede de Vodafone España medrou un 63,3% no último trimestre, impulsado polo lanzamento da nova familia de Vodafone Pass (Vídeo e Maps, que se engadiron aos xa existentes Chat Pass, Social Pass e Music Pass), así como polo maior volume de datos móbiles incluídos nos plans de prezos e o crecente número de usuarios que visitan España.
A 31 de decembro de 2017, a rede 4G+ de Vodafone estendeuse a máis de 1.100 poboacións, que xa poden gozar de velocidades de ata 350 Mbps.

PUBLICIDADE