Vodafone ponse á vangarda das solucións converxentes para os fogares dixitais e conectados

luns, 5 de outubro do 2020 S. P.

Vodafone anunciou a comercialización dos seus novos paquetes One Hogar Ilimitable a partir do 13 de outubro, uns paquetes converxentes que destacan por incorporar, en palabras da operadora, “a mellor conectividade móbil e fixa, a oferta máis completa e diferencial de cinema e series e os mellores servizos IoT que transformarán as casas en fogares intelixentes”. Segundo engade a firma de telecomunicacións, todos estes servizos, unidos a unha vertente marcadamente orientada cara á Internet das Cousas (IoT polas súas siglas en inglés), permitirán aos clientes estaren “conectados” ao cen por cen ao tempo que “se senten seguros e relaxados en casa ou fóra dela”.
A nova oferta pon en xogo paquetes multiliña con datos ilimitados a máxima velocidade 5G e con fibra ou banda larga fixa a 600Mbps ou 1Gbps que permite ter máis de 25 dispositivos conectados de forma simultánea. Ademais, inclúen Super Wi-Fi, un servizo que proporciona cobertura total sen fíos no domicilio. Así, explica Vodafone, “os clientes poden conectarse desde calquera recuncho da súa casa, navegar sen cortes e despreocuparse polo número de dispositivos conectados, xa que o servizo usa extensores intelixentes que se conectan a unha plataforma na nube para optimizar o sinal Wi-Fi de continuo”.
A todo o devandito cómpre engadir un soporte 24x7 que monitoriza o correcto funcionamento de toda a solución, e máis un servizo, chamado OneNumber (Hogar Ilimitable 3.0 e 4.0), que permite aos clientes utilizar o seu mesmo número e o seu servizo de voz e datos noutros dispositivos, como tabletas, reloxos intelixentes ou segundos teléfonos sen ter que cambiar de SIM.
Como promoción de lanzamento, os paquetes Vodafone One Hogar Ilimitable contan cun prezo especial durante os 3 primeiros meses.
O paquete Vodafone Hogar Ilimitable 2.0 ten un prezo de 95 euros/mes (47,50 euros/mes durante os 3 primeiros meses) con dúas liñas móbiles, voz e datos ilimitados a máxima velocidade 5G, fibra a 600Mbps, Super Wi-Fi, Vodafone TV Hogar Ilimitable con máis de 100 canles, máis de 40.000 contidos baixo demanda con HBO España e Amazon Prime Vídeo e Secure Net Family.
O paquete Vodafone Fogar Ilimitable 3.0 ten un prezo de 110 euros/mes (55 euros/mes durante os 3 primeiros meses) con tres liñas móbiles, voz e datos ilimitados a máxima velocidade 5G, fibra a 600Mbps, Super Wi-Fi, Vodafone TV Hogar Ilimitable con máis de 100 canles, máis de 40.000 contidos baixo demanda con HBO España e Amazon Prime Vídeo, Secure Net Family, OneNumber e V-Home Mini.
O paquete Vodafone Hogar Ilimitable 4.0 ten un prezo de 125 euros/mes (62,50 euros/mes durante os 3 primeiros meses) con catro liñas móbiles, voz e datos ilimitados a máxima velocidade 5G, fibra a 600Mbps ou 1Gbps (+10 euros/mes), Super Wi-Fi, Vodafone TV Hogar Ilimitable con máis de 100 canles, máis de 40.000 contidos baixo demanda con HBO España e Amazon Prime Vídeo, Secure Net Family, OneNumber, V-Home Mini e CarConnect.

PUBLICIDADE