Vodafone premia a CarCrash.es na I edición dos premios Fast Forward

venres, 14 de outubro do 2016 Redacción

Hoxe Vodafone España daba a coñecer o gañador e os finalistas da primeira edición dos Fast Forward Awards, uns premios a empresas pioneiras que valoran as ideas innovadoras dentro do mundo dixital e que poden servir de exemplo para outros negocios en situacións semellantes. O galardón ao mellor proxecto de dixitalización realizado por unha empresa ou negocio, inserido dentro do programa Fast Forward Sessions, foi para a empresa CarCrash.es, adicada ao servizo de reclamación de indemnizacións de accidentes de tráfico.
Aos fundadores do negocio ocorréuselles a idea tras unha viaxe de lecer por EE.UU. na que observaron a proliferación deste tipo de negocios en Internet e decidiron introducilo en España. Trátase de reclamar a indemnización que lle corresponde a un usuario polo seu accidente de tráfico, todo o contacto cos usuarios é realizado a través de Internet, e salientan polo éxito na uso de ferramentas dixitais e medios sociais para dinamizar o negocio.
En canto aos finalistas desta I edición dos Fast Forward Awards, foron: Crea Robótica (empresa centrada no e-learning de tecnoloxía, programación e robótica) e Wallyboo (plataforma en liña de economía colaborativa para aluguer de material de puericultura entre particulares).
Así, o premio ao gañador entregarase o vindeiro xoves 20 de outubro dentro da xornada de Fast Forward que se desenvolverá en AJE Madrid. Este recibirá un premio valorado en 4.000 euros, equipamento tecnolóxico para o negocio facilitado por Huawei e un asesoramento por parte dun equipo de expertos para seguir desenvolvendo con éxito esa idea, mentres que os dous finalistas recibirán equipamento tecnolóxico para o seu negocio.
Achegándonos un pouco ás Fast Forward Sessions, cómpre dicir que é un proxecto de Vodafone que nace coa vontade de promover o uso das novas tecnoloxías entre as PEME (Pequenas e Medianas Empresas) e os profesionais autónomos para impulsar o seu negocio en internet. O aforo deste encontro está limitado a 100 asistentes e achega un amplo programa con feitura de: relatorios, debates, obradoiros prácticos e encontros de networking.

PUBLICIDADE