Vodafone presenta a súa solución na nube para a xestión de flotas de dispositivos móbiles

mércores, 22 de maio do 2013 Marcus Fernández

Esta mañá Vodafone celebrou na Coruña unha xornada para dar a coñecer a profesionais locais algúns dos servizos da compañía de telefonía para a xestión de flotas de dispositivos móbiles, centrándose especialmente en Vodafone Secure Device Manager (VSDM) nunha presentación que correu da man de Beatriz Rey, xefa de produto de solucións na nube de Vodafone.
Ata hai poucos anos as empresas que precisaban da xestión de flotas de terminais móbiles apostaban principalmente por BlackBerry, plataforma con moitas facilidades para tal función, pero o contorno corporativo actual é moi distinto, con smartphones e tablets totalmente integrados no fluxo de traballo, convivindo distintos sistemas operativos móbiles e incluso mesturando terminais propiedade da empresa e do traballador (dentro da tendencia emerxente do BYOD, que supón todo un reto para os administradores de sistemas). Atendendo a esta realidade, e buscando unha solución que non precisase de fortes investimentos iniciais, Vodafone lanzou para empresas VSDM, ferramenta deseñada por AirWatch, empresa líder en MDM (administración de dispositivos móbiles), que leva á nube a xestión dos móbiles da empresa e podendo contratarse como un servizo de subscrición mensual.

Beatriz Rey presentou o servizo Vodafone SDM como unha solución flexible e prometedora

VSDM non precisa de coñecementos técnicos para xestionar os dispositivos da empresa, é unha solución flexible e doada de utilizar, conta con axentes de software para os principais sistemas operativos móbiles (como iOS, Android e Windows Phone).
Dentro da presentación destacouse o feito de que, no caso de dispositivos co sistema operativo Android existían dous escenarios distintos, de xeito que por unha banda tiñamos os terminais estándar e por outro temos aos dispositivos de Samsung pensados no mercado corporativo, que gozan dunha capa especial destinada á empresa que engade numerosas posibilidades ausentes noutros dispositivos de competidores, polo que moitas empresas deberían telo en conta á hora de adquirir os seus móbiles.

Daniel González amosou as posibilidades dos dispositivos de Samsung en contornos empresariais

Para afondar nas posibilidades dos dispositivos de Samsung contouse coa presenza do director de contas B2B da compañía, Daniel González, que salientou as bondades de dispositivos como o Samsung GALAXY S4 (que en breve vai estrear a tecnoloxía KNOX que facilitará ter no mesmo terminal 2 escritorios totalmente distintos, separando a actividade profesional da persoal), os dispositivos GALAXY Note (que contan con toda unha serie de lapis de Wacom, sensibles á presión e con numerosas posibilidades que non ofrecen outros fabricantes) e mesmo comentou as posibilidades de familia ATIV, coa que Samsung emprega tecnoloxía de Microsoft tanto en móbiles como en interesantes tablets que poden operar como ordenadores completos, o que fai que resulten moi atractivos para usos corporativos.
González tamén quixo destacar que Samsung está a apostar fortemente pola tecnoloxía NFC, presente en practicamente todos os dispositivos da firma surcoreana dirixidos á empresa, e que ten moitas posibilidades tanto para o uso na empresa como para administracións públicas (con aplicacións directas ao campo das Smart Cities), podendo chegar a converterse na chave do futuro incluso no ámbito doméstico.
Con esta exposición de posibilidades quedou claro que o control de flotas de dispositivos móbiles xa non está monopolizada por BlackBerry, e cada vez hai máis e mellores servizos para atender ás necesidades da empresa.

González detallou as posibilidades dos GALAXY Note grazas ao uso de stylus
A familia Samsung ATIV achega dispositivos como tablets con Windows 8 que poden funcionar como ordenadores completos