Vodafone sube en clientes de móbil, banda larga e televisión

venres, 24 de xullo do 2020 S. P.

A operadora Vodafone España presentou este venres 24 de xullo os seus datos de actividade relativos ao primeiro trimestre de 2020. A conclusión do balance é que a operadora, malia os efectos adversos que tivo a COVID nunha manchea de sectores (pero non no das telecomunicacións, en termos xerais), foi quen de medrar en clientes de móbil (83.000), banda larga fixa (30.000) e TV (57.000). E fíxoo por cuarto trimestre consecutivo. En total, chegou aos 2,7 millóns de liñas con datos ilimitados. Porén, os ingresos por servizo alcanzaron os 920 millóns de euros no primeiro trimestre, un 6,9% menos debido “á caída en ingresos por itinerancia-turistas, a suspensións de servizo en empresas e ás ofertas de datos ilimitados aos clientes durante o confinamento”.
Segundo informou a Vodafone, os datos positivos da actividade comercial reflicten “o impacto das decisións estratéxicas impulsadas para competir con éxito en todos os segmentos do mercado”, decisións como o lanzamento de tarifas de datos ilimitados, o despregue “pioneiro” de 5G en 21 cidades e a inclusión de 5G en todas as tarifas para particulares e empresas, así como “a aposta por consolidar o maior catálogo de cinema e series do mercado español”.
Respecto do nivel de satisfacción dos clientes, a operadora lembra que se mantén líder neste parámetro, concretamente no relativo ao segmento residencial, “cunha vantaxe fronte aos seus principais competidores de +6 puntos en NPS”.

PUBLICIDADE