Vodafone xunta forzas co fabricante galego Eezon para impulsar a mobilidade sustentable
mércores, 7 de xullo do 2021
A
operadora
Vodafone quere apostar pola mobilidade sustentable e deste
compromiso co medio ambiente xorde un acordo acabado de formalizar
con Eezon, fabricante galego de motos eléctricas co obxectivo de
ser o seu provedor de conectividade e xestión.
Vodafone
explica que “as motos eléctricas de dúas rodas traseiras de Eezon
están a revolucionar o sector das frotas de servizo e entrega de
produtos, sobre todo por ofrecer unha maior capacidade de carga
mantendo as vantaxes dunha moto de dúas rodas, pola súa axilidade e
porque pode ser estacionada na beirarrúa”.
Este
acordo posibilita que a frota de motos eléctricas de Eezon conten
coa última tecnoloxía de Vodafone para poder monitorizar os
vehículos.
Máis
polo miúdo, ao abeiro desta alianza a operadora fornecerá
conectividade ao fabricante galego e, tamén, a súa plataforma de
xestión de conectividade global. Ademais, Vodafone subministrará un
dispositivo que se conecta ao Cambus do vehículo e que extrae a
información dos diferentes sensores e compoñentes da moto:
parámetros como a localización do vehículo, o consumo, a
velocidade, a temperatura do motor e a batería, o estado de batería,
a detección de caídas, os ángulos de inclinación, a execución do
freo, etc.
Para
Vodafone, os vehículos de Eezon destacan non só polas devanditas
características, senón tamén por posuír “unha patente propia do
seu sistema de balanceo do eixo traseiro, ofrecendo ao usuario unha
condución completamente fiable, áxil, cómoda e segura”, ao que
se suma unha tecnoloxía avanzada de estabilidade vertical que ceiba
ao condutor de apoiar o pé mesmo con cargas pesadas ou paradas en
pendentes. Amais, salienta, as motos Eezon e3 pódense conducir en
todo tipo de vías, mesmo en autovías, xa que alcanzan o 90 km/h e
teñen unha potencia de 9kw, o que sería equivalente a un 125 cc.
As
motos Eezon, fabricadas en España (Vigo) con compoñentes que en
máis do 90%, son de orixe estatal e europea, atópanse actualmente
en fase de comercialización con entregas previstas para o próximo
mes de outubro e unha previsión de alcanzar as 3.000 unidades en
2022.
Na
sinatura do acordo participaron José Suárez, director de
Desenvolvemento de Negocio de Vodafone España, e máis Pedro
Martínez, director executivo de VMS Automotive, a firma galega que
produce as motos eléctricas Eezon.
