Volve Alento, o asesoramento de balde en mercadotecnia para emprendedores

martes, 8 de xullo do 2025 S. P.

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participaron en Ames na presentación da nova edición do programa Alento, Impulso á Comunicación para Emprender, iniciativa que busca fortalecer o ecosistema emprendedor galego facilitando o acceso gratuíto a servizos profesionais de mercadotecnia e comunicación.
O programa está promovido pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración en colaboración co Clúster da Comunicación de Galicia, encargado de coordinar a participación das empresas expertas que prestarán os servizos ofertados.
Cun orzamento de 120.000 euros, ten como principal novidade priorizar proxectos vinculados ao comercio de proximidade e aos situados en concellos con menos de 25.000 habitantes, “buscando así promover o reequilibrio territorial e dinamizar o tecido económico do medio rural e das zonas semiurbanas”.
Alento ofrece un catálogo de 10 servizos especializados, orientados a mellorar a presenza e competitividade dos proxectos emprendedores, facilitando a súa saída ao mercado, a creación de marcas con valor engadido e a conexión efectiva co público obxectivo.
Os servizos serán prestados por 38 empresas asociadas ao Clúster da Comunicación de Galicia, o que supón un incremento do 30 % respecto á edición anterior
Na presentación deste martes 8 de xullo, emprendedores do sector da comunicación compartiron as súas experiencias e os erros cometidos ao iniciar as súas empresas, convertendo esas vivencias nunha oportunidade para aprender dos fracasos e desafíos alleos.
Coincidindo coa celebración do Ano Internacional das Cooperativas, celebrouse unha mesa redonda na que se presentou o modelo cooperativo como unha opción real para emprender ou desenvolver un proxecto de forma colectiva, democrática e sostible.
O programa Alento enmárcase na Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego da Xunta, e está integrado no programa anual de actividades do Centro de Orientación ao Emprendemento, orientándose impulsar os negocios emprendedores competitivos e que contribúan á xeración de emprego.
Os servizos ofertados poden ser deseño de imaxe corporativa e deseño e desenvolvemento de web e comercio electrónico, definición da estratexia e accións de mercadotecnia (marketing dixital), desenvolvemento de gráficas publicitarias, investigación de mercados, accións relacionadas coa estratexia de comunicación para pemes, de vídeo mercadotecnia e tamén produtos de impresión publicitaria.
A finalidade é “que estas tarefas sirvan de apoio á comunidade emprendedora en aspectos como a busca de novas canles de comercialización, novos públicos obxectivos, melloras no valor percibido dos produtos e servizos e promoción en xeral, co fin de conseguir unha oferta diferenciada e rendible”.