Volve en abril o curso de selección avanzada de perfís TI de Vitae Consultores
martes, 12 de marzo do 2024
Vitae achéganos en abril unha nova actividade formativa dirixida a fomentar a creación dos mellores equipos profesionais nas empresas innovadoras e tecnolóxicas, impartida polo experto Marcos Carbonell. Trátase da edición 22 do curso Avaliación e Selección Avanzada de Perfís TI, de quince horas de duración. Celebrarase os días 16, 18, 22, 24 e 25 de abril. Desenvolverase novamente en formato de aula en liña. Será unha boa ocasión para mellorar o día a día dos responsábeis dos equipos humanos nas empresas tecnolóxicas e, tamén, das persoas encargadas dos departamentos de Recursos Humanos.
Segundo informa a consultora galega, unha das complexidades máis frecuentes coas que se atopan os profesionais de selección e avaliación de equipos humanos reside no baleiro formativo xeneralizado que existe en materia de ferramentas psicolóxicas básicas para avaliar a un profesional. “Isto leva a que todo o modelo de estimación falle, pois falla a base, é dicir, quen avalía non foi formado nin capacitado para tal fin”, explican dende Vitae, engadindo que o primeiro paso para calibrar o perfil dun profesional é o autocoñecemento. En base a isto, “coñecernos a nós mesmos é clave para lograr a meirande obxectividade na avaliación das candidatas e candidatos”.
Neste curso proporcionaranse estas ferramentas para o autocoñecemento profesional e para a avaliación doutros profesionais sexa cal sexa o modelo de avaliación do desempeño que se use. Amais, achegarase aos participantes a metodoloxías e ferramentas coas “que xa se conseguiron porcentaxes de éxito de máis do 90% en materia de selección de perfís TI (Tecnoloxías da Información), incluíndo perfís técnicos, perfís de xefes de proxectos, perfís de desenvolvemento de negocio e perfís de alta dirección”.
O curso virá da man de Marcos Carbonell, profesional con máis de tres décadas de experiencia nos sectores do deporte, as novas tecnoloxías e os recursos humanos. Carbonell é diplomado en Empresariais, máster en Recursos Humanos e posgrao en Marketing e en Organización de Empresas. Dende 2006 é socio director de Vitae Consultores e tense responsabilizado, directa ou indirectamente, de máis de 1.000 procesos de selección cunha taxa de máis dun 90% de éxito.