Volve o Campus XuvenCiencia para converter Lugo nun fervedoiro de novos talentos pre-universitarios
luns, 4 de xullo do 2022
Este
luns 4 de xullo abriu
as súas portas en Lugo o Campus de Verán XuvenCiencia, que estará
activo ata o 9 de xullo cunha nova edición especial que non só
coincide coa volta á normalidade logo da crise pandémica, senón
tamén co décimo aniversario da iniciativa. XuvenCiencia, que vén
da man do grupo de innovación docente XuvenCiencia da USC e está
inspirada polas universidades para a nenez e a mocidade da Europa
central e do norte, achegará este ano “un intenso programa de
actividades” na sede universitaria luguesa, sinalaron os
organizadores. Xuvenciencia da USC conta novamente co apoio da
Deputación de Lugo.
Unha
xincana abriu este luns 4 de xullo a axenda nun Campus de Lugo
convertido en experiencia de convivencia científica e investigadora.
No Campus xuntaranse estes días un centro de estudantes de ESO,
Bacharelato e Formación Profesional, que gozarán da oportunidade de
converterse en protagonistas dunha programación que inclúe 16
proxectos de I+D, 13 obradoiros e diferentes concursos e múltiples
actividades de lecer.
“O
noso obxectivo é facilitar que a mocidade participante teña a
oportunidade de mergullarse nalgunhas das liñas de investigación
máis punteiras que están a desenvolver na actualidade no Campus de
Lugo”, salientou a coordinadora do grupo de innovación docente da
USC XuvenCiencia, Mercedes Novo, na sesión inaugural deste campus
estival celebrada no auditorio da Facultade de Veterinaria. A
concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión do Concello de
Lugo, Ana González Abelleira; o deputado provincial delegado da área
de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón; o delegado da
Xunta en Lugo, Javier Arias, e a adxunta á presidencia do Grupo
Aresa, Carlota López, tamén participaron na apertura institucional
deste campamento científico de verán no Campus de Lugo.
O X
Campus de Verán XuvenCiencia ofrece 16 proxectos
científico-tecnolóxicos, biosanitarios, de ciencias sociais e de
humanidades, un abano de alternativas nas que poderán participar
entre cinco e seis persoas por proxecto. A maioría destas propostas
están inspiradas ou cando menos relacionadas con algunhas das
investigacións máis punteiras que se desenvolven no Campus de Lugo,
como as de peixe cebra para o tratamento do cancro e doenzas raras ou
a procura de novas fontes de enerxía mediante fotosíntese
artificial. Os obradoiros e proxectos desenvolveranse nas propias
instalacións universitarias, aínda que algunha das actividades
tamén inclúe traballo de campo no Museo Provincial de Lugo e no
Arquivo Histórico Provincial.
No
marco de XuvenCiencia, a profesora na Facultade de Veterinaria e
investigadora principal do proxecto Técnicas Innovadoras para a
Redución de Antibióticos en Cunicultura (TIRAC), Marta López
Alonso, achegará a mocidade interesada aos estudos que se están a
desenvolver para analizar se o emprego de algas na alimentación dos
coellos de cebo mellora a súa saúde e permite reducir o uso de
antibióticos nas granxas. A mocidade xuvencientífica poderá
coñecer esta liña de I+D a través dos proxectos Análises
clínicas: que me pasa, doutora? e Animal CSI: realidade ou
ficción.
A
delincuencia común en Lugo no franquismo centra a liña de
investigación que desenvolve a doutoranda do programa de Estudos
Culturais Tamara López e á que poderán achegarse os participantes
no proxecto Facer ciencia coas letras. A proxecto de
XuvenCiencia Árbores en tubo de ensaio permitirá introducir
á mocidade preuniversitaria na preservación de flora endémica en
situación de risco a través do cultivo in vitro de Centaurea
ultreiae Silva-Pando (Compositae), unha especie protexida
endémica dunha pequena área de Carballo e Coristanco, que está
ameazada por atoparse no ámbito de ocupación do parque eólico de
Bustelo.
O
alumnado dos proxectos de XuvenCiencia AquaLab. Sistema de
monitoraxe ambiental con Arduino,
Impresión 3D. Converte unha idea en realidade e Controla e
constrúe robots! terán a ocasión de coñecer como se poden
desenvolver dispositivos sinxelo para a detección de COVID ao abeiro
do proxecto de I+D Nanofluidetec, no que participa o profesor e
investigador na Facultade de Ciencias Wajih Al-Soufi.
A
profesora na Facultade de Humanidades Carme Silva, do grupo FILGA de
Filoloxía, achegará aos futuros universitarios ás novas técnicas
do relato para a xestión cultural, mentres que Tatiana Fernández
tratará as estratexias de dixitalización de museos dentro do
paradigma da nova museística.
Amais,
segundo lembra a USC, a mocidade interesada nas enerxías renovables
poderá mergullarse nas pescudas e ensaios que se están a realizar
no marco do proxecto europeo Portos. Autosuficiencia enerxética
nos portos de Europa, unha iniciativa europea da que é
protagonista a área de Enxeñaría Hidráulica da EPS de Enxeñaría
xunto con outras institucións e centros de I+D de Reino Unido,
Francia, Irlanda, Portugal e España.
A
décima edición do Campus de Verán XuvenCiencia mantén asemade
visitas a empresas e centros científicos e tecnolóxicos, que nesta
ocasión serán LARSA, FINSA, Norvento, Xenética Fontao o CIAR de
Rozas, o edificio bioclimático do proxecto Life Lugo + Biodinámico,
o Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) e o Hospital
Veterinario Rof Codina.
