Volven os monólogos R con Carlos Blanco

mércores, 7 de maio do 2025 Redacción

O actor Carlos Blanco estrea este sábado no Palacio de Congresos da Coruña A penúltima, o espectáculo co que abre unha nova edición dos monólogos R, o ciclo humorístico que percorre Galicia dende hai 17 anos da man do operador de telecomunicacións R. Con acceso mediante convite, a proposta ofrecerá 70 minutos de risas aseguradas, retranca e historias que mesturan o novo co clásico do seu repertorio.
Neste novo espectáculo, Blanco promete escenas insólitas co seu estilo habitual: referencias á cultura galega, anécdotas populares, linguas, viaxes ou procesións inverosímiles do seu inesgotable imaxinario. Sen kiwis, nin galiZaras, nin referencias ao porno en galego, o artista avanza por camiños alternativos sen abandonar o humor do país que o caracteriza. Como el mesmo di, nunca se sabe cal será a derradeira función, pero o certo é que esta será A penúltima.
Logo da súa actuación na Coruña, o monólogo viaxará ata Vigo, onde se representará o sábado 31 de maio no auditorio Mar de Vigo. En ambos casos, a capacidade é limitada e o acceso será mediante convites para clientes de R ou a través de concursos nas redes sociais.
Dende 2008, os monólogos R levan enchendo teatros e auditorios de toda Galicia cun formato sinxelo e eficaz: unha única voz sobre o escenario que conecta co público a través do humor. Máis de 51.000 persoas asistiron xa a estes espectáculos en 30 localidades distintas, con artistas de referencia como Xosé A. Touriñán, Pepo Suevos, Marta Doviro ou David Amor, entre outros.
A aposta polos monólogos é tamén unha aposta polo talento galego e por manter o vínculo co territorio a través da risa, ferramenta esencial (como demostra Carlos Blanco) para narrar, reflexionar e cuestionar o mundo desde Galicia.