Wacom presenta unha nova tableta gráfica de entrada

mércores, 17 de setembro do 2025 Marcus Fernández

Wacom presentou hoxe a súa nova tableta gráfica Wacom One 14, concibida como unha porta de entrada á creatividade dixital para artistas principiantes, afeccionados e usuarios que buscan un dispositivo sinxelo, rendible e versátil. O seu prezo de venda será de 339,99 euros (o que supón unha magnífica nova se temos en conta que o modelo con pantalla de 12 polgadas custa 354,99 euros), aínda que teremos que agardar varias semanas ata atopar o produto nas tendas.
A Wacom One 14 incorpora unha pantalla IPS Full HD de 14 polgadas cun revestimento que reduce os reflexos e mellora a comodidade ao debuxar ou editar. A tecnoloxía de adhesión directa diminúe o paralaxe e ofrece unha experiencia semellante ao papel, mentres que o seu peso lixeiro, de 750 gramos, facilita o transporte e instalación.
A compañía destaca a súa tecnoloxía de lapis, froito de máis de catro décadas de experiencia, que garante baixa latencia, recoñecemento natural da inclinación e unha sensación de trazado fluída. O dispositivo inclúe o Wacom One Standard Pen, sen batería e con dous botóns personalizables, e ademais é compatible con opcións doutros fabricantes como Staedtler ou LAMY, ampliando a liberdade de elección dos usuarios.
En materia de conectividade, permite a configuración cun único cable USB-C en equipos con compatibilidade Display Port Alt Mode ou Thunderbolt 3/4. Para os ordenadores que non dispoñan desta opción, Wacom ofrece un adaptador con portos HDMI, USB-C e alimentación. A tableta gráfica é compatible con Windows 10 ou posterior, macOS 13 ou posterior e ChromeOS.
A Wacom One 14 chega acompañada dun paquete de aplicacións que inclúe o Clip Studio Paint Pro, Magma, Concepts, Passpartout 2, Foxit PDF Editor e acceso a cursos en Skillshare, pensados para impulsar a creatividade desde o primeiro día.

Vídeo de presentación da Wacom One 14