Walmart acorda a compra de Vizio

martes, 20 de febreiro do 2024 Marcus Fernández

Coa popularización dos televisores de grande formato gañou moito peso nos EE.UU. o fabricante Vizio, como unha marca que ofrece televisores moi completos a un prezo moi axustado. Como exemplo dos grandes prezos que ten podemos comentar que un televisor LED 4K de 75 polgadas pode adquirirse por 598 euros, mentres que un televisor QLED 4K de 75 polgadas capaz de operar en 4K a 120 Hz e en 1080p a 240 Hz (ideal para gaming) pode mercarse por 998 dólares, mentres que un televisor 4K de 50 polgadas pode mercarse pro só 248 dólares, prezos moi inferiores aos da competencia, de aí o seu grande éxito.
A sorpresa da marca chega da man de Walmart, grande cadea de establecementos comerciais que pechou un acordo para adquirir Vizio por 11,50 dólares/acción en efectivo, o que en total serían uns 2.300 millóns de dólares.
Curiosamente a operación de compra non estaría centrada nos televisores en si, senón no seu sistema operativo, SmartCast Operating System, que conta con 18 millóns de contas activas, ás que non só ofrece aplicacións das principais plataformas de contidos audiovisuais, senón que tamén emprega para entregar publicidade (na liña do que tamén fai Xiaomi na China). Deste xeito Walmart ten unha magnífica canle de comunicación publicitaria da que facer uso para anunciar as súas promocións e para que outros anunciantes poidan chegar aos seus clientes.
Cómpre salientar que a cadea comercial xa conta cun negocio de mercadotecnia chamado Walmart Connect, polo que a compra de Vizio fornece dun xeito moi importante o seu negocio.

Vizio conseguiu facerse un oco no mercado con televisores moi completos a un prezo moi axustado