WhatsApp deixará de funcionar en BlackBerry (e outras plataformas móbil) a finais de ano

luns, 29 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

Cando WhatsApp está a celebrar os seus 7 anos de vida, aproveitan a ocasión para revisar a súa presenza en numerosas plataformas e planificar o seu desenvolvemento futuro, para continuar a incorporar funcionalidades e, moi especialmente, engadindo un énfase moi especial na seguridade (crecente preocupación do usuarios), o que levoulles a tomar unha dura decisión: suspender o soporte para vellas plataformas con pouca penetración de mercado actualmente.
Dende WhatsApp lembran que cando botaron a andar a App Store só tiña uns meses de vida, o 70% dos smartphones que se vendían eran de BlackBerry e Nokia, e os sistemas operativos móbiles actualmente predominantes (iOS, Android e Windows Phone) non chegaban ao 25% das vendas (cando agora superan o 99,5%), e ante tal cambio de escenario, adiantan que a finais de ano o WhatsApp Messenger deixará de soportar plataformas como Nokia S40 e Symbian S60, Android 2.1 e 2.2, Windows Phone 7.1 e, moi especialmente, BlackBerry, chamando a atención o feito de que tamén podarán o soporte de BlackBerry 10 (que só ten 3 anos e que aínda estreou terminais o ano pasado), o que para moitos supón o derradeiro cravo sobre o féretro de BlackBerry como fabricante de móbiles.
Deste xeito, dende WhatsApp recomendan que os usuarios de terminais cos sistemas operativos mencionados actualicen a móbiles máis recentes antes de rematar o ano para poder continuar a utilizar WhatsApp.

PUBLICIDADE