WhatsApp e Instagram poderían engadir o sufixo «de Facebook» aos seus nomes

venres, 2 de agosto do 2019 Marcus Fernández

Aínda que boa parte do público é consciente de que WhatsApp e Instagram son propiedade de Facebook, este feito non é precisamente transparente, o que aseguran que está a levar á empresa de Mark Zuckerberg a mudar o nome das súas aplicacións estrelas integrándolle a marca Facebook para que non haxa lugar a confusión e, de feito, no pé do menú de configuración de Instagram xa podemos atopar a lenda Instagram de Facebook.
Dende Facebook confirman querer ser claros ao respecto da propiedade de Instagram e WhatsApp, polo que teremos que afacernos a ver Instagram de Facebook e WhatsApp de Facebook dentro das aplicacións para que ninguén teña dúbidas sobre o feito de que Facebook pode ter acceso a datos de usuarios que non teñen conta na súa plataforma principal, aproveitando que tamén posúe a outras dúas das grandes plataformas de comunicación a nivel global.
Esta medida resulta un tanto rechamante por mor da mala imaxe que ten ultimamente Facebook por mor dos escándalos coa privacidade, pero precisamente o feito de non ocultar a marca podería evitarlles futuros problemas.

PUBLICIDADE