WhatsApp podería permitir pagamentos entre particulares na India

martes, 4 de abril do 2017 Marcus Fernández

En moitos mercados existen ferramentas baseadas no móbil para o envío de cartos entre particulares, de xeito que podemos ver como en EE.UU. poida realizarse un pagamento a través de Messenger ou a xente poida rexistrar as súas tarxetas bancarias en LINE e, en vista do enorme potencial que ten este xeito de facilitar os pagamentos a través do móbil dende The Ken comentan que WhatsApp está a preparar unha solución de pagamentos entre particulares que estaría operativa antes de medio ano.
Esta novidade aproveitaría que WhatsApp ten máis de 200 millóns de usuarios na India para permitirlles realizar pagamentos móbiles sen ter que instalar outra aplicación e sen ter que contar con smartphones de alta gama como acontece con Samsung Pay ou Apple Pay.
Haberá que agardar para ver como funcionará esta nova plataforma de pagamentos co móbil, pero é innegable o interese das empresas tecnolóxicas en posicionarse á hora de empregar os smartphones a xeito de tarxetas bancarias, dando a entender que o uso do teléfono a xeito de carteira será o máis habitual en poucos anos.