Wikipedistas galegos e españois xúntanse en Santiago para impulsar o capítulo estatal da Wikimedia
martes, 4 de maio do 2010
- De esquerda a dereita: fileira de arriba: Estevoaei, Lucien leGrey, Xoacas e Elisardojm. Fileira inferior: Agremon, Furado, Josemiburgos e Ensada
A creación e o desenvolvemento da Wikipedia en tódalas súas versións en diferentes linguas (incluída a nosa, moi activa neste eido do coñecemento) constitúe toda unha historia paralela ao medre de Internet da que probablemente non estamos tan ao tanto como deberamos. Trátase dun proceso continuo, en moitos casos desinteresado e que malia as contribucións prexudiciais que poida ter (xente que quere usala no seu propio beneficio ou no de outros) achega cousas positivas para o coñecemento (que flúe), a Rede mesma (que se enriquece), os internautas (que interactúan e teñen a información máis preto) e as identidades de cada pobo. A nosa terra, coa súa Wikipedia particular (a Galipedia, que vén de cumprir sete anos e anda xa a rentes dos 60.000 artigos), é unha parte ben activa do devandito proceso. Sen ir máis lonxe, o pasado 10 de abril tivo lugar no Colexio La Salle de Santiago un encontro entre os membros da Galipedia e máis da Wikipedia española para impulsar o capítulo español Wikimedia.
Segundo nos conta Antonio Gregorio Montes, un dos máximos impulsores da devandita achega enciclopédica galega, trátase este dun proxecto que non é novo (levaba xa algún tempo collendo pulo ao longo da xeografía estatal) e que viría a constituír a xunta local española da Fundación que está detrás das wikipedias e as outras wikis irmás. A cita en Santiago, que non foi salientable dende o punto de vista cuantitativo mais si no aspecto cualitativo (contou coa presenza de Agremon –Antonio Gregorio-, Elisardojm, Ensada, Estevoaei, Furado, Josemiburgos, Lucien e Xoacas), viu compensando o miúdo número de convocados coa concorrencia de dúas comunidades wikipedistas, galega e española, e coa presenza de Lucien, “proposto daquela para presidente do capítulo español”.
No encontro, cóntanos Agremon, o punto máis salientable foi a difusión do relacionado co capítulo que se pretendía crear, especificando entre outras a conveniencia de que os capítulos deban ser estatais (tendo en conta a natureza da constitución de Wikimedia), pudendo ser plurilingüísticos (non monolingüísticos e convivir varios nun mesmo estado). Asemade, falouse do proceso de formación do capítulo español, “sendo este exposto como algo transparente e aberto por parte de Lucien, que actuou non só a xeito de promotor da xuntanza senón tamén de participante destacado na xestora”, informa Agremon. Entre os puntos que deixan menor marxe para as dúbidas, atópanse entre outros a provisionalidade da xestora ou a relación coa Fundación Wikimedia, así como a responsabilidade do capítulo español en relación a tódalas wikis de Wikimedia en territorio administrativo español.
A xuntanza rematou confraternizando arredor dunha mesa, intre que se aproveitou para intercambiar sobre outras cuestións máis diversas.
Con posterioridade, xa houbo a votación para a directiva, quedando constituída por Lucien leGrey (presidente), Raystorm (vicepresidente), Marctaltor (secretario), -jem- (tesoureiro), e catro voceiros: Antoniotortosa, Góngora, Pmachon e Rastrojo.
Esta directiva ten como puntos esenciais no seu mandato representar oficialmente aos interesados en formar parte do capítulo ante calquera instancia e en particular ante a Fundación Wikimedia; asinar a acta fundacional, levar a cabo as xestións necesarias para o recoñecemento legal da asociación, asinar tratados coa Wikimedia Foundation para o trato como capítulo de Wikimedia, así como traballar nos outros aspectos legais que toda asociación achega.