Windows 10 funcionará con procesadores ARM

venres, 9 de decembro do 2016 Marcus Fernández

Microsoft celebrou en Shenzhen (China) un novo evento Windows Engineering Community (WinHEC) no que amosaron xunto cos seus partners a súa visión do que será o futuro dos ordenadores, da realidade mixta, dos videoxogos... adiantando detalles sobre as novidades que en poucos meses achegará Windows 10 e que son moi prometedoras.
Unha das últimas iniciativas que estarían a emprender Microsoft e Intel sería o Project Evo, que achegará novos xeitos de relacionarse con dispositivos que teñamos ao noso redor, de xeito que poderemos empregar Cortana para iniciar a reprodución musical no habitación na que esteamos, aproveitaremos Windows Hello para identificarnos de xeito biométrico e ter un maior nivel de seguridade, poderemos gozar de sistemas de realidade mixta a prezos asumibles e tamén levarase ao ámbito dos videoxogos as últimas tecnoloxías (vídeo 4K, HDR, audio espacial...).
Precisamente sobre a realidade mixta Microsoft conta con poder popularizar esta tecnoloxía en 2017, de xeito que, aínda que HoloLens continúa a ser unha tecnoloxía moi ambiciosa en desenvolvemento, en poucos meses comezaremos a ver no mercado cascos de realidade mixta de fabricantes como Acer, Asus, Dell, HP e Lenovo a prezos moderados, abrindo unha revolución que facilitará gozar de aplicacións universais de Windows en plan Minority Report, poder amosar obxectos 3D da web no mundo real, introducirse en contido inmersivo WebVR a través de Microsoft Edge e incluso poder reproducir vídeos de 360 graos dende a aplicación de Filmes e programas de TV de Windows.

Windows 10 máis móbil

Pero os grandes anuncios realizados durante o WinHEC foron relativos ao contorno móbil, xa que Microsoft adiantou que nas futuras actualizacións de Windows 10 van incorporarse unha serie de tecnoloxías que facilitarán a conectividade móbil de equipos con Windows, incluíndo o soporte de tarxetas eSIM (ou sexa SIM virtuais) de xeito que numerosos equipos informáticos (ou con distintos factores de forma) poderían gozar dun plan de datos dun xeito doado.
Aínda que o máis rechamante é o feito de que, grazas a un acordo con Qualcomm, Windows 10 pasará a funcionar con procesadores ARM, pero non limitándose ás aplicacións universais (como cando saíu Windows RT) senón correndo tamén aplicacións x86 Win32, de xeito que ordenadores, tabletas e, no futuro, incluso smartphones, poderían facer funcionar aplicacións como o Microsoft Office, o Adobe Photoshop e incluso videoxogos, o que facilitará a creación de equipos completos máis portátiles, levando a un novo nivel o estado actual de equipos convertibles (que na súa gama media-baixa estaban conxelados tras o abandono de Intel dos procesadores Atom ao considerar a compañía que non era capaz de competir dignamente cos procesadores ARM en mobilidade).

Vídeo de demostración dun equipo cun procesador ARM de Qualcomm correndo Windows 10

PUBLICIDADE