Dende hai un par de anos os servidores de Azure ofrecen a posibilidade de correr escritorios virtuais con Windows 10, o que resulta especialmente práctico para o traballo ofimático dende equipos pouco potentes ou incluso dende dispositivos móbiles, e confiando en que esta tecnoloxía ten moito futuro Microsoft presentou hoxe Windows 365 Cloud PC, solución que consideran que inicia unha nova era de computación persoal híbrida.
Temos así que Windows 365 quere ser o noso ordenador na nube, respondendo aos cambios no traballo dos últimos meses, nos que é frecuente que haxa que trasladar o noso espazo de traballo da oficina ao fogar, ou desenvolver as nosas ocupacións dun xeito híbrido, con traballadores que fan parte das súas tarefas na oficina, pero que logo continúan a traballar no fogar ou mesmo en mobilidade, para o a virtualización do escritorio informático pode ser unha solución moi atractiva, especialmente agora que dispoñibilidade da banda larga é cada vez maior.
A solución de PC na nube de Microsoft ofrecerá unha experiencia completa de Windows 10 ou Windows 11, con sistemas que arrancan ao instante, e mantendo todas as aplicacións, ferramentas, datos e configuracións personalizadas con independencia de que nos conectemos cun PC, un Mac, un iPad, Linux ou un dispositivo con Android.
Con Windows 365 as empresas poden elixir o tamaño dos ordenadores na nube en función das súas necesidades, e a xestión por parte dos responsables técnicos das compañías tamén será coherente coa xestión de flotas actual, de xeito que en Microsoft Endpoint Manager aparecerán tanto os dispositivos físicos como os dispositivos na nube.
Confían en que este xeito de traballar na nube tamén poida ser un importante avance en seguridade, simplificando a xestión dos privilexios dos usuarios e facilitando as investigacións ante calquera incidente de seguridade.
Aínda que resulta evidente que Windows 365 está moi orientado para o software ofimático de Microsoft, será unha plataforma compatible con terceiros, e numerosas compañías xa adiantaron que levarán as súas solucións a esta plataforma de computación na nube. Tamén os fabricantes de hardware poderán preparar equipos para facilitar o seu uso seguro con Windows 365.
O lanzamento xeral para empresas de Windows 365 será o vindeiro 2 de agosto.
Vídeo da proposta de traballo híbrido coa que Microsoft reacciona aos cambios laborais dos últimos meses
