Witdom encara a súa recta final achegando unha nube segura para a información xenética

venres, 21 de outubro do 2016 Redacción

Estes días está entrando na súa recta final o proxecto Witdom, posto en marcha en xaneiro de 2015 cun financiamento de máis de catro millóns de euros (dos que de euros 2,8 proviñan da Unión Europea no contexto do programa H2020). Witdom, como lembraremos, diríxese a avanzar no procesado seguro de datos xenómicos na nube para facilitar cousas como a detección temperá de doenzas xenéticas, entre outras aplicacións. Vén da man dun consorcio internacional coordinado pola empresa de servizos dixitais Atos España, coa participación de sete socios europeos, entre os que se atopan a Universidade de Vigo e o Centro Tecnolóxico Gradiant.
Agora, co fin de achegar recursos da máxima utilidade que aseguren a meirande e máis eficaz protección nos datos, os impulsores de Witdom encaran a demostración dos avances e resultados acadados até este intre, producindo unha implementación de referencia e, tamén, dous prototipos nas áreas do procesado privado de datos xenéticos e a “externalización” segura de servizos financeiros.
Segundo explica o catedrático da Universidade de Vigo Fernando Pérez (que lidera a participación da institución académica xunto co tamén investigador do Grupo de Procesado de Sinal en Comunicacións Juan Ramón Troncoso), “o proxecto xa superou dous dos seus fitos principais, producindo en primeiro lugar unha metodoloxía de elicitado de requisitos relacionados coa privacidade e seguridade de sistemas externalizados en contornas non confiábeis e, en segundo lugar, unha arquitectura segura extremo a extremo, aplicábel a ditas contornas”.
Segundo fan saber, a maior parte dos avances e resultados xerados ao abeiro de Witdom demostraranse ao longo do terceiro ano do proxecto.
Xunto aos representantes no proxecto da empresa Atos e da Universidade de Vigo, desde o martes 18 ao xoves 20 de outubro, participaron nun encontro celebrado no campus galego o resto de integrantes do consorcio internacional: K.U. Leuven (Bélxica), IBM (Suiza), Fondazione Centro San Raffaele (Italia), XLAB (Eslovenia) e BBVA (España). Na quinta reunión do consorcio, despois das celebradas en Madrid, Liubliana, Zurich e Lovaina, as e os representantes dos socios de Witdom revisaron os avances rexistrados en todos os ámbitos (xestión, investigación, desenvolvemento, diseminación e explotación) e decidiron sobre a dirección do proxecto.

PUBLICIDADE