Witdom, proxecto de participación galega para fornecer a nube segura

venres, 13 de febreiro do 2015 Redacción

Os investigadores Juan Ramón Troncoso e Fernando Pérez

É a nube un lugar seguro? Esta pregunta vén moi a conto á hora de falarmos do proxecto Witdom, empoWering prIvacy and securiTy in non-trusteD envirOnMents, unha proposta coordinada pola empresa de servizos dixitais Atos España coa participación de sete socios europeos, entre os que se atopan a Universidade de Vigo e o centro tecnolóxico Gradiant. E indo ao Witdom, con esta idea preténdese buscar mecanismos para garantir que os datos dos usuarios estean en todo intre protexidos e que nin tan sequera o provedor da nube os poida coñecer. Deste xeito, a privacidade, a seguridade e a integridade da información amoreada na nube estará sempre resgardada.
Segundo informa a Universidade de Vigo, o orzamento do proxecto ascende a case catro millóns de euros, dos que a Comisión Europea financia uns 2,8 millóns no contexto do programa H2020. Witdom céntrase (máis polo miúdo) no procesado seguro de datos xenómicos na nube, como base do avance na detección temperá de enfermidades xenéticas, así como na análise de datos bancarios. “Tanto os datos xenómicos coma os bancarios son especialmente sensíbeis e a súa axeitada protección en contornas non confiábeis é crucial para mellorar a privacidade dos usuarios e eliminar a necesidade de confianza cega nos provedores de servizos”, explica o catedrático do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións da Universidade de Vigo, Fernando Pérez, que xunto ao tamén investigador do Grupo de Procesado de Sinal en Comunicacións, Juan Ramón Troncoso, lidera a participación da Universidade de Vigo neste proxecto de tres anos, no que o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia, Gradiant, participa como entidade asociada á institución académica viguesa, achegando a súa experiencia no deseño de sistemas na nube e de ferramentas de comunicacións anónimas e análises de privacidade.
Pola súa banda, a Universidade asume a coordinación científico-técnica do proxecto, ademais de liderar o paquete de traballo de investigación fundamental en procesado seguro de datos e sinais. A Universidade de Lovaina (Bélxica), grandes empresas como IBM (Suíza), PEME encamiñadas ao desenvolvemento de solucións seguras como XLAB (Eslovenia) e usuarios finais aos que van orientadas as solucións e os casos de uso que Witdom atende, como o Centro de Investigación Xenómica de la Fondazione Centro San Raffaele (Italia) e o BBVA (España), completan o consorcio liderado por Atos España.
Para rematar, cómpre subliñar que para conseguir que o provedor da nube opere sobre os datos dos e das usuarias sen que estes deixen en ningún intre de estar cifrados, Witdom céntrase en desenvolver tecnoloxías eficientes de procesado con datos cifrados, amais de introducir técnicas de protección da privacidade dos individuos que acceden ao servizo e métodos de análise e verificación do axeitado funcionamento dos sistemas actuais e futuros.

PUBLICIDADE