Woman Emprende converterá Santiago na capital das mulleres emprendedoras e innovadoras

xoves, 9 de maio do 2019 Fernando Sarasketa

As mulleres emprendedoras van coller o mando do espírito innovador e colaborativo en Compostela. Farano a través de Woman Emprende, a primeira edición da Feira de Emprendedoras de Santiago. A cita vén da man da Concellaría de Desenvolvemento Económico e a USC e está especialmente adicada, dentro do pulo económico e creativo feminino, ao sector artesanal. Na feira porase o foco sobre as diferentes iniciativas que están a poñer en marcha as mulleres para “crear tecido empresarial responsábel e transformador”. Falarase de como as novas tecnoloxías operan de ferramentas do cambio.
Máis en detalle, falarase de creatividade, de impacto social e medioambiental e como conxugar estes aspectos coa creación de empresas innovadoras, ligadas ao sector tecnolóxico e viábeis economicamente, “pero poñendo no centro das organizacións ás persoas, tanto como produtoras como consumidoras”.
A primeira parte da feira é unha sesión interna formativa, dirixida ás mulleres que emprenden, e que precisan de ferramentas que as acheguen á unha axeitada comunicación empresarial para acadar o maior número de vendas. A continuación abrirase ao público un espazo para a exposición en formato feira, con stands nos que as creadoras mostran e expliquen os seus produtos.
Tamén haberá unha vertente de aprendizaxe e debate entre mulleres con longa traxectoria empresarial no eido artesanal, por unha banda, e mulleres que se inicien nesta actividade, pola outra. Haberá faladoiros de corresponsabilidade, ventas online, colaboración entre xeracións ou o consumo responsábel.
Pechará o evento o relatorio de Idoia Cuesta, Premio Nacional de Artesanía 2014 e promotora de Idoia Cuesta Cestería Contemporánea (www.idoiacuesta.com).

PUBLICIDADE