Xa podemos descargar a guía da USC para garantir navegacións seguras na adolescencia
xoves, 30 de abril do 2026
Os equipos de investigación Stellae, Crie e Edullab, das Universidades de Santiago de Compostela, València e La Laguna, respectivamente, acaban de publicar a guía Entre a oportunidade e a prohibición: riscos e malos usos da tecnoloxía na adolescencia, un recurso educativo dirixido ao alumnado de Educación Secundaria que busca promover un uso responsable, crítico e seguro das tecnoloxías dixitais.
A publicación, que xa está en libre descarga dende Minverva, forma parte do proxecto de investigación Os materiais didácticos dixitais na Educación Secundaria Obrigatoria. Análise e propostas para o seu uso escolar e sociofamiliar do que son investigadores principais Jesús Rodríguez Rodríguez e Diana Marín Suelves.
Editada inicialmente en galego, valenciano e castelán, está prevista a súa publicación en inglés e portugués, co obxectivo de ampliar o seu alcance e impacto educativo a nivel internacional. A autoría deste manual pertence a Silvia López Gómez, Pablo Gayo Pérez, M. Isabel Vidal Esteve e Diana Marín Suelves.
A obra aborda os principais riscos asociados ao uso das tecnoloxías na adolescencia, combinando explicacións e recomendacións con situacións reais e cotiás no ámbito persoal e escolar representadas en formato visual.
Inclúe unha enquisa de autoavaliación sobre hábitos dixitais. Entre os temas tratados destacan o ciberacoso, a sobreexposición nas redes sociais, o acceso a contidos inapropiados, o uso da IA ou os riscos asociados aos videoxogos e ás compras en liña.
O seu propósito é “axudar á mocidade a tomar decisións máis responsables no uso da tecnoloxía”, ofrecendo tamén recomendacións prácticas tanto para o ámbito persoal como educativo.
A USC explica que a publicación pretende “contribuír á transferencia do coñecemento científico á sociedade, facilitando ferramentas útiles para a educación dixital nun contexto no que a tecnoloxía forma parte esencial da vida cotiá da mocidade”.
