A semana pasada presentouse a nova edición do Certame de Microrrelatos Feiraco-Letras Galegas 2017, un concurso para festexar a nosa cultura e facelo da mellor maneira posible, creando cultura galega, e ademais con xanelas ao mundo a través da Rede (a través de Feiraco.gal). Segundo se fixo saber, trátase da sexta convocatoria da iniciativa, impulsada cooperativa láctea galega integrada agora en Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN), en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística. A idea de Feiraco, unha vez máis, é “homenaxear as nosas letras e, nun ámbito máis específico, ao autor homenaxeado este ano pola Real Academia Galega, Carlos Casares”. A maiores, a cooperativa quere o tributo sexa o máis colectivo posible.
A nova edición do certame foi dada a coñecer o venres polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o vicepresidente de CLUN, José Montes, acompañados polo administrador da Fundación Carlos Casares e fillo do escritor, Håkan Casares. Segundo explicaron, o certame incorpora este ano como novidade, ademais da categoría de persoas adultas (desde os 19 anos de idade) unha categoría de participación xuvenil (dos 13 aos 19) co obxectivo de “contribuír á dinamización lingüística entre a mocidade desde a creación literaria”.
Tamén informaron de que aplicación desde a que se pode participar xa está dispoñible na web www.feiraco.gal. Para facelo, para achegar a nosa contribución literaria, temos que compartir na devandita ferramenta do concurso acubillada na devandita páxina un relato orixinal, escrito en galego, que comezará coa seguinte frase de Carlos Casares “E ali estaba, sentado nun sillón azul…“, pertencente á obra casariana Deus sentado nun sillón azul. Ademais, disto, non deberemos superar os 500 caracteres nos que se inclúan tanto espazos como a frase inicial proposta.
Todas as persoas interesadas en participar nesta iniciativa poden consultar as bases legais do certame en poden xa www.feiraco.gal e terán que enviar os seus microrrelatos dende xa e ata o vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas. Un xurado conformado por escritores, membros de Feiraco e da Secretaría Xeral de Política Lingüística serán os encargados de avaliar as contribucións participantes para escoller os/as gañadores/as desta edición valorando a orixinalidade e creatividade da historia, a coidada redacción e o uso correcto da lingua galega.
De entre as persoas participantes, seleccionaranse un total de seis, tres por categoría, que se darán a coñecer o 5 de xuño no mesmo web da marca. Os primeiros premios de cada categoría recibiran cadanseu exemplar da Enciclopedia galega universal e os catro restantes un lote de títulos de literatura galega cedidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, así como un lote de produtos Feiraco.
Xa temos dispoñible a aplicación para participar no certame de microrrelatos de Feiraco arredor das Letras Galegas
Compartir Este Artigo
