Xeopesca convídanos a reflectir a nosa cultura mariñeira con fotografías libres

xoves, 1 de xuño do 2017 Fernando Sarasketa

A Asociación Xeopesca quere avanzar na difusión e no coñecemento do patrimonio natural e cultural da nosa terra, e quere facelo apostando pola liberdade de movementos e de comunicación que poñen en xogo as licenzas abertas. “Temos un patrimonio do que estamos orgullosos e do que podemos gabarnos na Rede”, sinalan, engadindo as vantaxes de fomentar a difusión de fotografías con licenzas libres e sen ningún tipo de cancelo. Con estes alicerces, Xeopesca puxo en marcha a primeira edición do seu Concurso de Fotografía Libre, un certame creativo, integrador e colaborativo. Nesta primeira convocatoria o fío temático será a nosa cultura mariñeira e todos os elementos que a conforman, dende apeiros de pesca até aparellos navais, arquitectura, festas, gastronomía ou espazos singulares. O gañador do premio será recompensado con 200 euros e o xurado poderá adxudicar un premio accésit de 100 euros.
O xurado estará conformado por dous profesionais da fotografía e polo presidente e secretario da Asociación Xeopesca. O prazo para enviarmos imaxes comeza hoxe e remata o 1 de setembro, e deberán ser remitidas á conta fotografia@xeopesca.gal, tanto con formato JPG como en PNG. Ademais, deberán ter unha resolución mínima de 2560 x 1920 píxeles. As licenzas deberán ser Commons Creative Recoñecemento – Compartir Igual ou GNU Free Documentation License. Para máis información cómpre visitar o apartado específico sobre o certame na web de Xeopesca.
Esta actividade forma parte das actividades que a asociación Xeopesca realiza no marco do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2017 da Xunta de Galicia.

PUBLICIDADE