Xiaomi e Realme amosan en Barcelona os seus obxectivos fotográficos externos para móbiles

luns, 3 de marzo do 2025 Marcus Fernández

En 2013 Sony sorprendeu presentando os obxectivos fotográficos DSC-QX100 e DSC-QX10 que podían encaixarse en smartphones para poder disparar fotografías de 20,2 Mpíxeles cun zoom óptico de 3,6x e de 18,2 Mpíxeles cun zoom óptico de 10x respectivamente (aos que se unirían máis tarde os obxectivos QX30 e QX1), e pese a que esta liña de produtos demostrase ser un fracaso comercial (pola incomodidade de ter que cargar cun obxectivo voluminoso) algúns fabricantes chineses están a acudir a Barcelona con propostas moi semellantes.
Xiaomi, pola súa banda, está a amosar o seu Xiaomi Modular Optical System, un obxectivo fotográfico que integra un sensor micro catro terzos (Light Fusion X de 100 Mpíxeles) e que se comunica co smartphone a través de comunicación LaserLink para poder transferir rapidamente as imaxes en UltraRAW (son 16 pasos de rango dinámico) para o seu procesado polo AISP de Xiaomi. Aseguran que entre as vantaxes do accesorio estaría que non é preciso emparellalo co móbil (chegaría co propio contacto para funcionar) nin recargar a súa batería, polo que sería moi cómodo o seu uso nos móbiles compatibles.
Tamén Realme está a amosar o seu concepto de obxectivo incercambiable para móbiles, que na práctica vén a ser un obxectivo externo, que precisa dun adaptador para a súa instalación no prototipo amosado, e que achegaría un zoom óptico de 10x e un sensor CMOS dunha polgada, polo que sería algo semellante a ter unha cámara compacta que grava as fotografías na memoria interna do móbil para despois poder empregalas en redes sociais.
Dado que actualmente xa hai móbiles equipados con obxectivos periscópicos de bastante calidade, non parece que haxa unha demanda real no mercado deste tipo de accesorios, e incluso semella que o mercado aínda é menos receptivo agora que hai 11 anos, polo que parece difícil que vaiamos estar ante produtos que cheguen a comercializarse de xeito masivo e esteamos simplemente ante prototipos que demostran as capacidades técnicas dos fabricantes chineses.