Xiaomi presenta o MIX 4 coa cámara frontal agochada baixo a pantalla

martes, 10 de agosto do 2021 Marcus Fernández

Xiaomi anunciou hoxe o lanzamento oficial do seu novo Xiaomi MIX 4 para o mercado chinés, levando unha vez máis a bandeira da innovación nesta liña de produtos que desta volta consegue o soño de presentar un frontal todo pantalla xa que oculta a súa cámara frontal debaixo do panel, o que xunto a unha carcasa cerámica moi lixeira, magnífica conectividade, un potente procesador Qualcomm Snapdragon 888+ e unha impresionante batería de 4.500 mAh con carga rápida de 120 watts por cable e 50 watts por indución, de xeito que temos un dos smartphones máis rechamantes e atractivos do mercado.
Xa van 5 anos dende a presentación do primeiro MIX de Xiaomi, e neste tempo a compañía chinesa continuou a apostar por innovacións de xeito progresivo até conseguir o que podería ser un dos primeiros móbiles que presenten unha cámara baixo o panel da pantalla cunha calidade aceptable.
O terminal chega cunha pantalla AMOLED de 6,67 polgadas con reprodución de cor de 10 bits e 120 HZ de refresco, que xunto a un refresco táctil de 480 Hz consegue unha grande suavidade dos desprazamentos en pantalla e unha magnífica resposta táctil.
Este impresionante móbil integra 19 antenas que soportan 42 bandas, de xeito que consegue moi boa cobertura con calquera operador, e tamén inclúe tecnoloxía UWB para poder conectarse a diferentes dispositivos compatibles de Xiaomi, NFC e emisor de infravermellos.
Dado que as cámaras son actualmente un dos elementos máis importantes á hora de adquirir un móbil, o Xiaomi MIX 4 tamén quixo destacar neste apartado cunha cámara principal de 108 Mpíxeles e estabilización óptica, acompañado na parte traseira por unha cámara de ultra grande angular de 13 Mpíxeles e unha cámara periscópica de 8 Mpíxeles con zoom óptico de 5x.
Este móbil chegará ao mercado chinés o vindeiro luns con 8/12 GB de memoria RAM LPDDR5 e 128/256/512 GB de almacenamento UFS 3.1, con prezos que parte dos 4.999 iuans (658 euros) e chegan aos 6.299 iuans (829 euros).

PUBLICIDADE