Xiaomi trae a súa nova tableta a España

martes, 4 de xullo do 2023 Marcus Fernández

As novas tabletas de Xiaomi, comercializadas en China dende o mes de abril, por fin chegan a España, como dispositivos orientados á produtividade, de aí que conten cunhas prestacións bastante elevadas, de aí que se entenda que o prezo das Xiaomi Pad 6 parta dos 399,99 euros (para o modelo con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento) e chegue aos 449,99 euros (para a versión con 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento), coa posibilidade de recibir un desconto de 50 euros de reservar o modelo superior ao longo da presente semana.
A Xiaomi Pad 6 polga funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 870, 6/8 GB de RAM, 128/256 GB de almacenamento, pantalla WQHD+ de 11 polgadas cun refresco de 144 Hz, catro altofalantes con soporte de Dolby Atmos, cámara traseira de 13 Mpíxeles, cámara frontal de 8 Mpíxeles, batería de 8.840 mAh con carga de 33 watts (que achega unha autonomía de até 16 horas de reprodución de vídeo), un grosor de só 6,51 milímetros e un peso de 490 gramos.
Para mellorar as posibilidades da tableta está dispoñible o Xiaomi Smart Pen de segunda xeración e o Xiaomi Pad 6 Keyboard, que cómpre adquirir aparte, e que fan que a tableta sexa máis acaída para a creación e a produtividade, aínda que cómpre sinalar que teñen prezos un tanto elevados (está confirmado que o lapis dixitalizador custará 129,99 euros).

JPEG - 44.7 KB
A Xiaomi Pad 6 está dispoñible en 3 cores diferentes

PUBLICIDADE