Xulio Ferreiro visita aos representantes do proxecto europeo BRAIN-IOT

xoves, 4 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

O proxecto europeo BRAIN-IOT chegou onte a un dos seus puntos álxidos de actividade e de repercusión. Estamos a falar da visita do alcalde Xulio Ferreiro á xuntanza de traballo do proxecto que se está a desenvolver estes días na Coruña, na sede de EMALCSA. Nas sesións concorren representantes das universidades, empresas e asociacións que participan en BRAIN-IOT, unha iniciativa dirixida a crear un alicerce tecnolóxico común, unha linguaxe doada e segura, para os dispositivos autónomos. O rexedor da Coruña, que veu a acompañado da concelleira de Medio Ambiente, María García, tivo ocasión de coñecer os detalles do proxecto da man de Jesús Echarri, director executivo de Improving Metrics.
A cita veu da man das firmas locais EMALCSA e Improving Metrics, da que falamos recentemente en Código Cero para informar dos interesantes resultados dunha xeira colectiva de traballo na que se mediu o nivel de implicación dos participantes (o público) e mailo custo do evento polos seus sorrisos.
En BRAIN-IoT toman parte activa compañías internacionais como Siemens (Alemaña), Airbus (Francia), o Instituto Superior Mario Boella (Italia), Paremus (Inglaterra), STMicroelectronics (Suíza), IDATE Digiworld (Francia), a Universidade de Grenoble (Francia), Robotnik (España), o Comisariado para a Enerxía Atómica e as Enerxías Alternativas CEA Tech (Francia) e a Fundación Eclipse Europa.
Para levar a cabo este proxecto, os socios contan con 5 millóns de euros do Programa Marco de Investigación e Innovación da Unión Europea, Horizonte 2020, un programa que financia proxectos en áreas estratéxicas a nivel europeo.
A intención do encontro é profundar nas actividades do proxecto BRAIN-IOT, siglas en inglés de Modelo Baseado en Framework para Detección Confiábel e Actuación en Sistemas da Internet das Cousas (IoT) Descentralizados Intelixentes.
Segundo informa EMALCSA e Improving Metrics, representantes galegas de BRAIN-IOT, “trátase dunha ambiciosa iniciativa que busca desenvolver unha metodoloxía para que distintas plataformas conectadas a Internet poidan traballar xuntas dun modo descentralizado, compatíbel e dinámico: unha solución para facer que varios dispositivos autónomos, dende drons a sensores pasando por diversos sistemas de monitoraxe, colaboren entre si e compartan información dun modo sinxelo e seguro, a través de estándares abertos”.
A empresa galega Improving Metrics participa na investigación e desenvolvemento dos elementos de Intelixencia Artificial e analítica de datos, ademais de encargarse da dirección de calidade do proxecto. Pola súa banda, a participación de EMALCSA baséase no estudo de escenarios, as probas de concepto en colaboración co CITEEC da UDC, e a aplicación destas tecnoloxías ás infraestruturas críticas.
Que é exactamente BRAIN-IOT?
Os obxectivos técnicos de BRAIN-IOT son lograr que dispositivos IoT heteroxéneos sexan quen de cooperar en tarefas complexas, cun “comportamento autónomo e dinámico”, a través de “federacións altamente dinámicas con capacidade de evolucionar, adaptarse a diferentes contornas e soportar operacións seguras”. Ademais, aspira a establecer métodos seguros de Autenticación, Autorización e Contabilidade (AAA) en escenarios IoT (Internet of Things), e fornecer a empresas e entidades solucións para o control da privacidade. Deste xeito, aspírase a desenvolver un sistema “de integración rápida”, que apoie o comportamento cooperativo intelixente e que permita a posta en marcha de aplicacións descentralizadas baseadas en IoT. A intención é o”frecer ferramentas que permitan a toma de decisións baseada en datos de forma autónoma e segura”.
Ademais dos aspectos habituais de repaso dos paquetes de traballo incluídos no proxecto, o encontro da Coruña serviu para que os técnicos e investigadores coñecesen de primeira man a dimensión e alcance das infraestruturas que compoñen un sistema de auga urbana, cunha visita ao encoro de Cecebre.

PUBLICIDADE