YouTube é o invento do ano segundo a revista Time

martes, 7 de novembro do 2006 Marcus Fernández

Non hai dúbida á hora de afirmar que 2006 é o ano do vídeo na Internet, polo que a revista Time no seu último número proclama a YouTube coma o Invento do Ano.
Dende Time destacan que YouTube fai posible que xente de todo o mundo coñeza a un británico de 79 anos chamado Peter que fixo de técnico de radares durante a Segunda Guerra Mundial, os efectos de botar caramelos Mentos en botellas de Coca-Cola Light e moitas outras novas estrelas que aparecen na Rede e que terían imposible acadar o seu éxito actual (que llo digan ó Koala).
Dende a popular revista tamén destacan outros inventos coma un coche de xoguete que funciona con hidróxeno (como adianto do que serán os coches do futuro), un localizador de obxectos para persoas despistadas, un sistema de preparación de crustáceos que emprega a electricidade en vez de cocelos en auga fervendo, un paraugas de secado rápido (cunha sinxela sacudida), un boneco con forma de dinosauro que ten un comportamento empático, un alcoholímetro baseado en infravermellos que amosa o nivel de alcohol en 60 segundos, unha mesa de serra que detecta cando se entra en contacto con carne humana para pararse en poucos milisegundos evitando accidentes, un robot para axudar en misións de rescate e unha lámpada de salón que se abre ou se pecha segundo o consumo eléctrico que fagamos no fogar, polo que, aparte de iluminar, serve para concienciar sobre o consumo responsable.
Sen dúbida unha boa escolma de inventos que, aínda que non sexan tan revolucionarios como se podería desexar, son uns interesante referente do que deron de si os últimos meses.

PUBLICIDADE