YouTube permite emitir en vivo dende o móbil a quen teña máis de mil subscritores

martes, 18 de abril do 2017 Marcus Fernández

YouTube leva ofrecendo a posibilidade de realizar retransmisións de vídeo en directo dende 2011, para o que era preciso empregar equipos informáticos, de xeito que esta funcionalidade víase principalmente como unha plataforma profesional de retransmisión de eventos, pero ante a emerxencia de plataformas como Periscope en xuño do ano pasado decidiron estrear a posibilidade de realizar retransmisións en vivo directamente dende a súa aplicación móbil, aínda que para poder empregar esta nova funcionalidade tiña unha esixencia que limitaba bastante o seu uso: era preciso contar cun mínimo de 10.000 subscritores nunha canle para poder realizar unha retransmisión.
Mentres tanto, Twitter, Facebook e Instagram están a ter un importante impacto nas retransmisións en directo, e dende YouTube por fin son conscientes diso, e comezan a relaxar as súas condicións, de xeito que agora só piden ter un mínimo de 1.000 subscritores para poder emitir en directo dende o móbil.
O servizo de retransmisión en vivo dende o móbil, na liña dos seus competidores, tamén permite conversar cos espectadores en tempo real, o que facilita que vexamos este tipo de vídeos como interactivos e próximos, de aí a súa popularidade actual.

PUBLICIDADE