YouTube trae a España a súa resposta a TikTok

martes, 2 de marzo do 2021 Marcus Fernández

Nos últimos meses YouTube comezou a probar nos EE.UU. un formato de vídeo vertical exclusivo para dispositivos móbiles que deu en chamar Shorts e que pretendía ser unha resposta a TikTok e agora comeza a verse en España en dispositivos con Android baixo o nome de Cortos, deixando claro que estamos ante unha funcionalidade en probas (beta).
Para acceder aos Cortos temos que desprazarnos verticalmente na aplicación de YouTube no móbil até atopar un carrusel de vídeos en vertical e, se prememos sobre algún deles iniciaremos a súa reprodución e logo poderemos movernos entre os distintos vídeos deslizando o dedo cara arriba, do mesmo xeito a como se fai en TikTok, deixando moi clara a intención desta categoría de vídeos.
Pero non só a interface de uso dos Cortos de YouTube é semellante á de TikTok, senón que, igual que acontece cos Reels de Instagram, boa parte dos contidos compartidos son precisamente vídeos creados na aplicación de TikTok, presentando claramente o logotipo da popular aplicación, o que dá a entender que YouTube vai ter complicado trunfar nun formato ao que chegan moi tarde.

PUBLICIDADE