Youtubeir@s publica as bases da edición de 2020
luns, 4 de maio do 2020
A
nova edición do certame
Youtubeir@s segue o seu camiño, poñendo o foco no seu obxectivo
principal, un obxectivo viable malia o confinamento: encher as redes
de vídeos en galego. Estes
días publicáronse as bases da nova convocatoria, que están
accesibles na web do concurso e que implica, ademais, que a ampla
comunidade (unha comunidade reforzada en tempos de COVID) de
creadoras e creadores audiovisuais da nosa terra xa poida presentar
as súas contribucións a través da plataforma de vídeos de
YouTube. Entre as entidades organizadoras do proxecto atópase o
Concello de Rianxo.
A
idea dos concellos e institucións que impulsan Youtubeiras é
“canalizar a vitalidade creativa que se está amosando durante o
período de confinamento, facéndoa visible para o público a través
das obras presentadas”.
A
convocatoria deste ano incorpora novidades. Unha delas é a
modificación e ampliación de categorías, co obxectivo de dar
cabida á totalidade de xéneros que están a coller corpo, e, en
palabras das entidades organizadoras, “recoñecer un máis amplo
abano de cuestións relevantes no fenómeno youtubeiro”. Como
resultado desta modificación aumenta o orzamento do certame. En
concreto, establécense 12 premios, tres deles, os principais (Canle,
Youtubeir@s e Vídeo) dotados con mil euros cada un. E
o resto (Calidade lingüística, Impacto, Calidade técnica,
Comunicación, Creatividade, Musical, Didáctico, Pioneiro e Do
público) con premios de 500 euros.
Todos
os traballos inscritos deben estar publicados con data posterior ao
27 de setembro de 2019 na plataforma de vídeos YouTube, sen
restricións de privacidade e cos cancelos #youtuberias #youtubeiros
na descrición do mesmo.
O
prazo para inscribirnos no certame comeza o 27 de maio e remata o 23
de outubro. As persoas interesadas deben formalizar a inscrición a
través do formulario que figura na web youtubeiras.gal.
Poden participar todas as persoas maiores de 14 anos.
O
xurado, composto por cinco persoas, valorará os seguintes criterios:
a creatividade, innovación e calidade dos contidos; a creación e
mantemento de comunidade; a periodicidade dos contidos; a calidade
técnica da peza tanto visual como sonora; a eficiencia comunicativa
do vídeo na transmisión do contido tanto oral como visual; a
calidade lingüística e a repercusión do contido creado. Cada
creador ou creadora pode inscribir tantos vídeos ou canles como
desexe, sen límite de duración.
O concurso está
organizado polos servizos de normalización lingüística dos
concellos de Santiago, A Baña, Ames, Moaña, Ourense, Pontevedra,
Ribadeo, Rianxo, Teo e O Grove, e as universidades de Santiago, A
Coruña e Vigo, ademais da Deputación da Coruña.
