ZTE trae a España o seu último smartphone de gama media para gamers

venres, 23 de maio do 2025 Redacción

ZTE presenta en España o nubia Neo 3 GT 5G, un móbil pensado para xogadores que buscan potencia e deseño a prezo contido. Combina rendemento avanzado cunha estética inspirada na robótica e funcionalidades gaming.
Funciona cun procesador Unisoc T9100 de 6 nanómetros con conectividade 5G que opera ata a 2,7 GHz. A configuración dispoñible en España ofrece 12 GB de RAM e 256 GB de almacenamento UFS 2.2. A súa pantalla OLED de 6,8 polgadas e resolución FHD+ (2.392 x 1.080 píxeles) alcanza os 1.200 nits, garantindo unha excelente visibilidade incluso en exteriores. A taxa de refresco de 120 Hz e os gatillos táctiles personalizables completan unha experiencia visual e táctil fluída e claramente orientada ao seu uso con xogos.
A nivel fotográfico, o nubia Neo 3 GT 5G conta cunha cámara frontal de 16 Mpíxeles e un sistema traseiro dual, cun sensor principal de 50 Mpíxeles e apertura f/1.8 potenciado por intelixencia artificial (sistema Neovision) e unha lente de profundidade de 2 Mpíxeles para mellorar os retratos.
O dispositivo integra un motor háptico, luces LED traseiras personalizables que responden a diferentes modos e o espazo de xogo Game Space IA 3.0, con asistentes virtuais (Demi e Denver) capaces de asistir mediante voz ou texto, emitir recordatorios contextuais e mesmo celebrar vitorias ou animar nas derrotas.
No apartado técnico destaca o sistema de refrixeración VC de 4.083 mm², que permite manter un rendemento constante sen sobrequentamento. Ademais, incorpora carga bypass, alimentándose directamente da corrente para preservar a saúde da batería durante longas sesións de xogo.
O terminal tamén inclúe tecnoloxías de aprendizaxe automática como AI Trigger, que detecta patróns repetitivos e activa ferramentas de axuda automaticamente, e AI Behavioral Learning, que adapta os controis segundo os hábitos do usuario. O menú gaming, compartido coa serie Redmagic, permite axustar rapidamente parámetros como a CPU, GPU, taxa de refresco, gravación de pantalla ou carga directa, sen interromper a partida.
En canto a conectividade e funcionalidades adicionais, conta con tradutor en tempo real mediante IA (voz e texto), SIM dual con cambio intelixente, lector de impresións dixitais en pantalla, NFC, Bluetooth 5.2, altofalantes estéreo e dobre micrófono. A batería de 5.000 mAh, con carga rápida de 33 watts, promete unha vida útil de ata 1.600 ciclos mantendo arredor do 80 % da súa capacidade.
O nubia Neo 3 GT 5G xa está dispoñible en cor Interstellar Gray a través de El Corte Inglés, MediaMarkt e Amazon, cun prezo de 349 euros.