Zas avanza no seu Parque Científico e Tecnolóxico, o primeiro impulsado integramente por un Concello

luns, 15 de decembro do 2025 S. P.

O Concello de Zas deu este mes de decembro un novo paso decisivo cara á creación do seu Parque Científico e Tecnolóxico, que sería, segundo informou o Goberno local, “o primeiro impulsado integramente por un concello na provincia da Coruña e o primeiro de carácter municipal en toda Galicia”. Engade o Executivo de Zas que “a iniciativa situará ao municipio como referente de innovación no norte da comunidade, ao non existir unha infraestrutura similar en toda a provincia”.
Na presentación do proxecto, no que colabora a Universidade da Coruña, participou o alcalde, Manuel Muíño, o director de I+D+i de EMALCSA, Ricardo Vázquez; o director xerente da Fundación Universidade da Coruña, Juan José Gómez, e o director adxunto da mesma entidade, Braulio Pérez. Previamente, o representante de EMALCSA asinou no Libro de Honra do Concello como fixeron no seu día o resto das autoridades participantes.
Muíño explicou que xa existen contactos con empresas interesadas en instalarse no novo parque, procedentes dos sectores eólico, agrogandeiro ou tecnolóxico: “Estes primeiros pasos son fundamentais para definir un parque útil, adaptado ás necesidades reais do tecido produtivo”, afirmou.
Pola súa banda, Ricardo Vázquez (EMALCSA), explicou que esta é unha primeira toma de contacto para colaborar, destacando que “o proxecto de Zas ofrece un contorno moi interesante para desenvolver novas liñas de I+D en sistemas de abastecemento e tecnoloxías transversais”.
Desde a UDC, Juan José Gómez subliñou que se trata dunha “iniciativa pioneira, con pasos firmes e un avance notable que axiña dará resultados visibles”, mentres que Braulio Pérez anunciou que se impulsarán “accións no territorio que faciliten sinerxías co tecido local”.