Zendal, FINSA, Televés e Vodafone pechan fileiras a prol do hub galego DATAlife

mércores, 28 de xullo do 2021 S. P.

O Grupo Zendal, FINSA, Televés e a operadora Vodafone, as catro empresas tractoras socias de DATAlife Hub de Innovación Dixital (DIH, nas súas siglas en inglés), veñen de xuntar novos esforzos para impulsar a estratexia de transformación tecnolóxica deste hub galego, que pretende beneficiar os procesos dunhas 3.700 pemes galegas dun amplo abano de sectores produtivos, que van dende o eixe agro-mar-alimentación até a biotecnoloxía, pasando polo forestal e a saúde.
Representantes das catro compañías mantiveron un encontro este 27 de xullo, presidido polo principal responsábel do hub, Pablo Álvarez Freire, tamén director xeneral adxunto de Grupo Zendal, na sede do grupo biotecnológico, no Porriño, que exerce como líder do proxecto DATAlife.
Como lembraremos, os socios de DATAlife son cinco clústers (o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida -Bioga-, o Clúster da Acuicultura de Galicia -CA-, o Clúster da Madeira e do Deseño de Galicia -CMD-, o Clúster Saúde de Galicia e o Clúster TIC Galicia); as empresas Grupo Zendal, FINSA, Televés e Vodafone; cinco centros tecnolóxicos (Energylab, Gradiant, ANFACO-CECOPESCA, o Centro de Supercomputación de Galicia -CESGA- e o Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectoria, o CETIM) e o sistema universitario da nosa terra (a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade de Vigo e o FEUGA).
O encontro das catro firmas tractoras de DATAlife serviu para “reafirmar o seu compromiso a prol da dixitalización das pemes galegas dos sectores nos que traballa o DIH”, apuntou o presidente do hub, entidade que xa está a captar as necesidades das pequenas e medianas empresas e buscando solucións de dixitalización adaptadas a cada proxecto. “O reto é ambicioso”, lembrou Pablo Álvarez Freire, quen destacou o papel que deben xogar as ditas compañías referenciais neste proxecto, “fomentando o medre e o desenvolvemento económico e xerando un efecto multiplicador e de innovación sobre a actividade produtiva na que desenvolven o seu quefacer”.
O encontro no Porriño, ao que asistiu o equipo de xestión de DATAlife liderado por Lucía Castro, tamén serviu para programar o novo curso, para facer balance das actividades impulsadas polo DIH e para a actualización de servizos, entre os que está o asesoramento en transformación dixital, o acceso a financiamento e a incorporación de tecnoloxías disruptivas. Entre Grupo Zendal, Finsa, Televés e Vodafone produciuse un debate sobre os retos tecnolóxicos das empresas tractoras e as súas cadeas de valor. As catro compañías coincidiron en apostar “ao unísono para que a innovación dixital e o desenvolvemento vinculado a tecnoloxías como a Intelixencia Artificial e o Big Data permitann que as cadeas de valor Agro-Mar-Alimentación, Biotecnoloxía, Forestal-Madeira e Saúde-Coidados sirvan de motor para mobilizar a todo o tecido produtivo e, fundamentalmente, ás pemes”.

PUBLICIDADE