Zuckerberg cre que as Meta Quest 3 son un mellor produto que as Apple Vision Pro

mércores, 14 de febreiro do 2024 Marcus Fernández

Nos últimos días as Vision Pro de Apple convertéronse en todo un fenómeno, levando incluso a que Mark Zuckerberg probase o dispositivo e tivese a polémica idea de compartir as súa valoración persoal do produto en comparación co da súa propia compañía, co detalle curioso de que fixo tal cousa a través dun vídeo gravado directamente dende un visor Meta Quest 3.
O parecer de Zuckerberg pode pecar de pouco obxectivo, aínda que non deixa de ser certo que apunta moitos dos puntos febles do produto de Apple. En termos xerais o responsable de Facebook considera que as Meta Quest 3 «son un mellor produto», pero este tipo de declaracións habería que contextualizalas, pois as Vision Pro aínda son un produto sen madurar, con moitas funcionalidades en probas, que tardará bastantes meses en demostrar o que pode dar de si.
Pero é indiscutible que as Meta Quest 3 son un produto que supera sobradamente as Vision Pro para xogar e para socializar (á vez que o visor é moito máis cómodo e ten un campo de visión máis amplo), mentres que as Vision Pro teñen basicamente un punto forte: o consumo audiovisual. Dende Apple esfórzanse en transmitir que as Vision Pro son moi atinadas para a produtividade, pero iso non é totalmente certo actualmente, pola falta de madurez do software do visor.
Neste momento a comparación entre ambos produtos é moi inxusta, xa que as Vision Pro custan sete veces o que unhas Meta Quest 3, e a mellora da experiencia entre ambos visores non é tan esaxerada.
Queda por ver se no futuro Meta conseguen progresar a bo ritmo e os seus visores poden chegar a igualarse en resolución cos de Apple, ou se as declaracións de Zuckerberg rematan sendo unhas frases desafortunadas que moitos xa comparan coas de Steve Ballmer menosprezando o iPhone tras o seu lanzamento.

PUBLICIDADE